Na súa intervención, o vicepresidente segundo, asegurou que confía en que as novas iniciativas consoliden a BFAero como o núcleo da industria aeroespacial. Os proxectos seleccionados permitirán avanzar na autonomía, servizos, control de voo, xestión e operacións con drons. A BFAero é unha iniciativa que aposta polo emprendemento con proxectos que dan resposta aos retos marcados polos nosos socios tecnolóxicos, atendendo as necesidades dun sector estratéxico, subliñou.
A través desta aceleradora preténdese consolidar o tecido empresarial, fundamentalmente as pemes; transferir ao mercado novas solucións innovadoras e atraer e reter talento. Nas dúas edicións anteriores, este programa xa permitiu mobilizar 3,6M; crear 63 empregos e constituír cinco empresas ao seu abeiro. Hoxe mesmo, ademais, licenciáronse tres proxectos: a aeronave UAV Works (de Valencia); as pezas para drons de Lupeón (Nigrán) e mais a plataforma para análise de datos de Pildolabs (Lugo).
Conde, que destacou o espírito de colaboración público-privada que define a BFAero, lembrou que a industria aeroespacial, a través do Polo Aeroespacial de Rozas, é un dos 108 proxectos cos que Galicia optará aos fondos europeos de recuperación. Insistiu na oportunidade que supoñen para transformar o modelo económico galego e lembrou que os Orzamentos da Xunta reservan para o 2021 un total de 20M para consolidar esta iniciativa.
Os proxectos da terceira edición
Dos sete proxectos seleccionados na BFAero, catro serán acelerados e outros tres incubados. En concreto realizarán a fase de aceleración CIES Solar de Pontevedra, que buscará realizar misións automáticas de fotogrametrías de máis de 1000 hectáreas ao día; SAQQARAH, de Vigo, para afondar na inspección de procesos industriais e verquidos medioambientais; PrimeCor, de Alacante, desenvolverá un sistema de control de voo para drons fiable, seguro e certificable e Atom, de Madrid, ofrecerá unha ferramenta integral para o uso de drons en operación e mantemento de instalacións industriais.
En canto aos proxectos de incubación serán Dronesuit da Coruña, unha plataforma cloud con ferramentas e utilidades para facilitar a xestión, operación e administración; Pharmadron, de Zaragoza, avanzará no uso de vehículos non tripulados no sector da loxística e distribución no sector da saúde; e SOLARBotix, de Madrid, estudará a viabilidade da fabricación de placas solares mediante tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan modelarse en superficies non planas como as ás dos avións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.