Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

Galicia e Cataluña son as dúas únicas comunidades de España que van contar con fábricas de IA, o que pon de manifesto o importante labor desenvolto no campo das tecnoloxías profundas por ambas comunidades. O Barcelona Supercomputing Center (BSC) será, xunto co CESGA (Centro Supercomputación de Galicia), unha das institucións que albergue unha das 19 novas fábricas europeas de intelixencia artificial. Isto converte a España nun dos tres únicos países que contará con dúas factorías de IA. A colaboración entre o BSC e o CESGA xa é real a través da Rede Española de Supercomputación, algo que se intensificará agora a través das factorías europeas.
Os adolescentes están rexistrados en redes sociais de forma masiva: o 92,5% participa en polo menos unha rede social e o 75,8% en tres ou máis. Mesmo nos últimos cursos de Primaria, o 78,3% xa ten presenza nalgunha rede. Pero o impacto da tecnoloxía vai moito máis alá do lecer ou a comunicación. Estes son algúns dos resultados de 'Infancia, adolescencia e benestar dixital. Unha aproximación desde a saúde, a convivencia e a responsabilidade social', estudo elaborado pola USC, Red.es, UNICEF España e o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática, froito dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, e que ofrece unha fotografía nítida dunha xeración hiperconectada e que, aínda que máis consciente dos perigos da Internet, segue enfrontándose a graves desafíos
A Rede CIGUS está conformada por 10 centros das tres universidades públicas galegas (USC, UVigo e UDC) e aglutina a máis de 1.600 investigadores. Baixo a marca CIGUS, a Xunta financia, vertebra e visibiliza a investigación universitaria de excelencia. Nos últimos catro anos logrou captar máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, o que supón un notable retorno económico nunha rede á que a Xunta leva destinados case 68 millóns. De feito, na convocatoria actual -na que oito centros renovaron a súa acreditación e dous se incorporaron- incrementouse nun 31% a achega do Goberno autonómico.
As empresas galegas que empregan Intelixencia artificial son xa o 15,7%, tras experimentar un crecemento do 51,1% no último ano. Crece tamén o uso do Cloud Computing, que pasou do 31,5% ao 38,2% no mesmo período de tempo. Son datos da enquisa sobre o uso das TIC e do comercio electrónico nas empresas 2024/2025, publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que constatan o crecemento sostido das tecnoloxías innovadoras no tecido produtivo galego. Outro dos indicadores do grao de dixitalización das empresas galegas é a incorporación dos especialistas TIC. O 13,1% das empresas de máis de 10 empregados conta con este perfil profesional, un 4% máis no último ano, o que a converte a Galicia na novena Comunidade Autónoma con máis proporción de especialistas TIC no tecido empresarial.
En torno ao 75% do alumnado galego de 5º e 6º de Primaria e de ESO dispón de teléfono móbil e a maioría conéctase a internet practicamente a diario, segundo se desprende da V Enquisa de diagnose da convivencia 2025. O estudo consta dun amplo bloque sobre a convivencia nos centros escolares tanto para alumnado de ensino obrigatorio (Primaria e ESO) como postobrigatorio (Bacharelato e Formación Profesional) e outro bloque enfocado aos hábitos sociais do alumnado, que se introduciou por primeira vez na enquisa de 2023. Arredor do 90% do alumnado (91,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 84,33% dos de ESO e os 78,83% dos de ensinanzas postobrigatorias) afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios.
A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de 'Ceo Dixital Europeo'. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro. Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
A Comisión Europea concedeu a España esta semana unha segunda factoría de Intelixencia Artificial (IA Factory). Esta nova infraestrutura, que se suma á do Barcelona Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación (BSC-CNS), situarase no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), fundación participada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) –organismo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades– e pola Xunta de Galicia. A posta en marcha desta factoría suporá un investimento total de 82 millóns de euros, dos que o Goberno de España achega 24 millóns de euros, a través do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Persoal investigador do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de presentar unha innovadora estratexia molecular para transportar fármacos contra o cancro ata o núcleo de células tumorais para que poidan desenvolver a súa función terapéutica. Neste caso, os estudos realizáronse con doxorrubicina, un fármaco habitual en quimioterapia. O seu uso prolongado pode xerar células resistentes, un fenómeno que este traballo consegue sortear mantendo a súa actividade antitumoral. O avance parte dunha idea sinxela pero poderosa: a capacidade dos péptidos cíclicos — pequenas cadeas de aminoácidos pechadas en forma de anel— para amontoarse e formar estruturas cilíndricas ocas (nanotubos) nas membranas deste tipo de células.
A I+D+i galega viviu hoxe un novo fito coa posta en funcionamento da liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e tamén unha das maiores de toda Europa: 120 quilómetros que unen a partir de agora Santiago de Compostela e Vigo, en concreto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Vigo Quantum Communication Center (VQCC). O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron na posta en funcionamento desta conexión, nun acto ao que tamén asistiron, entre outros, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles.
Preto de medio cento de estudantes de oito centros educativos galegos deseñaron o seu propio satélite a partir de materiais de refugallo. É a cuarta das actividades da Semana Mundial do Espazo en Galicia promovida pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo e que conta coa colaboración de numerosas empresas do sector, universidades e centros tecnolóxicos. Os equipos, integrados por seis alumnos e de diferentes ciclos da ESO, enfrontáronse a este reto de construír o seu propio satélite en Nigrán, nas instalacións da empresa UARX Space, que colabora con Airbus e a UVigo na celebración deste hackaton, que permitiu aos estudantes poñer en práctica as súas habilidades de deseño, enxeñaría e traballo en equipo.
« Anterior | 2  de  61 | Siguiente »

Notas tecnologia

A produtividade nas empresas vese beneficiada cando a IA complementa ás persoas e os procesos, pero esmorece cando non existe un redeseño no fluxo de traballo. Así queda reflectido no informe especial sobre a economía galega que publica anualmente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que nesta ocasión analizou o papel da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto no emprego.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Orlando Rodrigues, presidente do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), e os seus equipos reuníronse este xoves no campus de Ourense co obxectivo de continuar dando pasos para a creación do futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias, o Iberian FoodTec Lab. No ano 2022, na XXXIII Reunión Luso-Española celebrada en Viana do Castelo (Portugal), os gobernos dos dous países acordaron a creación deste laboratorio.
A Coruña acollerá en outubro o principal congreso dedicado á dixitalización, o uso dos datos e a transformación do servizo público de Xustiza, 'DATAfórum Xustiza 2026', no que persoal experto, institucións e empresas reuniranse para debater os desafíos do ecosistema xudicial na era dixital. O evento está organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello da Coruña.
Máis aló dos coñecementos clínicos, a comunicación médico-paciente é unha das competencias clave para unha atención sanitaria de calidade, o que require que o persoal médico conte con habilidades comunicativas e capacidade de empatía. Co propósito de que os futuros profesionais poidan traballar estas habilidades, docentes das universidades de Vigo e Salamanca desenvolveron un innovador proxecto que propón o uso de IA xerativa como ferramenta para adestrar estas habilidades nunha contorna simulada.
O campus de Ourense acolleu a conferencia 'Illa de calor e incendios: unha aproximación dende a teledetección', ofrecida por José Sobrino, catedrático da Universidade de Valencia, experto en teledetección e líder da fase de consolidación da misión térmica Sirius da Axencia Espacial Europea. O acto estivo organizado polo Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo.
Un novo proxecto, coordinado por María González Taboada, investigadora do CITIC da UDC, busca desenvolver novas estratexias numéricas para entender e predicir como se comportan os fluídos non newtonianos en materiais porosos. Este tipo de fluídos, que inclúen desde mesturas viscoelásticas ata fluídos con propiedades que cambian co tempo, son difíciles de estudar, pero a súa análise é fundamental para múltiples campos científicos e industriais.
Case cinco anos despois que a Universidade de Vigo e Zona Franca presentasen a fondos europeos de recuperación Next Generation un proxecto para instalar en Vigo unha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de I+D , este venres materializouse no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares a colocación da primeira pedra da planta de semiconductores fotónicos, que ocupará unha superficie de 4000 metros cadrados e se prevé entre en servizo en 2027.
A UVigo participa esta semana en Madrid no evento Science for Industry (S4I), un foro internacional que busca conectar a investigación co mundo empresarial e do investimento, facilitando que o coñecemento xerado nas universidades e centros de investigación se transforme en innovación real con impacto no mercado.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta, acolleu a conferencia 'Un enfoque científico-práctico para a IA verde', impartida por Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da tecnolóxica Hiili. A sesión formou parte do ciclo 'Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable', promovido pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes..
O uso da IA está a abrirse camiño en case todos os eidos do coñecemento, incluíndo tamén a xestión dos ecosistemas e das contornas naturais. Un bo exemplo é o proxecto estatal BlueAI, que acaba de poñerse en marcha e no que participa a UVigo en colaboración con outras entidades como a Universidade de Murcia, o Centro Oceanográfico de Murcia, a Universitat Politècnica de València e a Universidade de Salamanca.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES