
Para logralo, empregou fermentación anaerobia, un proceso natural, similar ao que se utiliza para facer iogur ou viño, que permite a certos microorganismos transformar materia orgánica en compostos químicos.
Cada ano xéranse millóns de toneladas de biomasa vexetal, como residuos agrícolas ou forestais, que malia ser un dos recursos orgánicos máis abundantes do planeta, adoitan desaproveitarse pola súa complexidade estrutural, explica o investigador. Neste contexto e baixo a supervisión dos profesores e investigadores de CRETUS, Marta Carballa Arcos e Miguel Mauricio Iglesias, o estudo explorou distintas configuracións de reactores e condicións de operación co obxectivo de dirixir e optimizar a produción de carboxilatos específicos, fronte a mesturas pouco útiles. Ademais de confirmar que esta conversión é viable en laboratorio, o traballo que se enmarca na tese de doutoramento de Juan Iglesias Riobó expón as bases para o seu escalado en biorrefinerías sostibles.
O resultado obtido é un sistema biotecnolóxico optimizado que permite converter residuos vexetais en compostos de alto valor engadido de forma máis eficiente e selectiva, sinala. A investigación demostrou que, mediante o control de parámetros como o pH, o tempo de retención e a estratexia de alimentación dos reactores, é posible orientar a actividade microbiana cara á produción preferente de lactato, butirato ou caproato.
Así mesmo, comprobouse que a configuración dos reactores xoga un papel clave: a alimentación pulsada e a separación de etapas no proceso favorecen a formación destes compostos, mesmo en condicións difíciles como as que presenta a biomasa con alto contido en celulosa. Este enfoque permite aplicacións industriais baseadas en tecnoloxías máis limpas e sostibles, aliñadas cos principios da economía circular.
Elevado potencial de aplicación
Este traballo non só abre novas vías para o aproveitamento de recursos naturais, senón que confirma que é posible facelo mediante tecnoloxía accesible e adaptable a distintas escalas, cun elevado potencial de aplicación en Galicia e noutras rexións con abundante biomasa, matiza.
Os resultados deste traballo desenvolvido no grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) dentro do proxecto europeo Cell4Chem, foron publicados en revistas científicas como Bioresource Technology ou Industrial Crops and Products. A tese foi avaliada por un tribunal presidido polo profesor emérito da USC Juan Manuel Lema Rodicio, xunto coa profesora Cristina González Fernández (Universidad de Valladolid) e o profesor Piotr Oleskowicz-Popiel (Politechnika Poznanska, Polonia), que acordou por unanimidade outorgar a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, salientando as novas achegas que este estudo supón no ámbito da revalorización destes residuos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.