Notas de prensa

O galego sitúase na vangarda das tecnoloxías intelixentes a través do Proxecto Nós-ILENIA

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.

A xornada comezou coa apertura institucional a cargo de Aleida Alcaide, directora xeral de Intelixencia Artificial do Goberno de España, quen puxo en valor a importancia de contar coas linguas oficiais plenamente integradas nas novas tecnoloxías. “Os datos, infraestrutura e talento son elementos básicos para desenvolver a intelixencia artificial. O terceiro ingrediente esencial é o talento, ese que tedes tanto en Galicia, dou fe, porque a participación de persoas galegas nas convocatorias da AESIA é inxente e con grandes currículos”, destacou. A continuación, Elisa Fernández Rei, directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), e Senén Barro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), presentaron o marco xeral de ILENIA–Proxecto Nós durante o trienio 2022–2025. Para Fernández Rei, "temos que seguir avanzando nesta dirección co fin de garantir que poderemos exercer os nosos dereitos lingüísticos no mundo dixital". Pola súa parte, Senén Barro puxo o foco en como “todos os recursos que se comprometan para poñer en valor estas tecnoloxías serán ben investidos e sempre serán escasos. O que será extraordinariamente caro é non facelo".

Un dos bloques centrais da xornada estivo dedicado á presentación de datos e casos de uso, no que participaron representantes do propio Proxecto Nós, así como entidades colaboradoras como a Fundación Mozilla, Imaxin Software, AMTEGA e CREAGAL. Neste apartado cómpre salientar o labor desenvolvido na recompilación de datos lingüísticos. Así, por exemplo, nos últimos tres anos as horas de voz para recoñecemento automático da fala pasaron de 10 a 3.227, e en Common Voice figuran na actualidade 385 horas de banco de voces colaborativo cando inicialmente había só 18, multiplicando por 20 a súa presenza neste período e convertendo así o galego na décima lingua das 163 existentes nesta plataforma pública de datos de voz. Esta é unha plataforma en aberto deseñada para a creación comunitaria de conxuntos de datos de fala e texto na que calquera persoa pode preservar, revitalizar e promover a súa lingua compartindo, creando e organizando conxuntos de datos de texto e voz. Alén diso, esta recollida de fragmentos de audio estase a realizar coa colaboración da Xunta de Galicia, buscando ademais a representación de acentos e variedades dialectais do galego, xerando así un corpus público alleo aos cambios tecnolóxicos e de libre uso.

No encontro expúxose tamén o traballo desenvolvido en RAG (acrónimo anglosaxón de Xeración Aumentada de Información - Retrieval Augmented Generation), unha das técnicas empregadas para controlar as alucinacións dos modelos de intelixencia artificial mellorando en xeral a calidade da interacción do usuario cos modelos grandes de linguaxe. Este espazo deu acollida tamén á presentación do primeiro tradutor neuronal en galego, que ademais ofrece mellores prestacións obxectivas respecto doutros existentes e que conta tamén con diversas vantaxes adicionais: é un recurso público, permite traducir tanto texto plano como arquivos e xa está integrado na Plataforma de Tradución Automática da Axencia Estatal de Administración Dixital (PLaTa).

Outros dos casos de uso expostos foron os vinculados aos sistemas de conversión de texto a voz (TTS, do inglés Text-to-Speech), en concreto os exemplos de voces sintéticas en galego e a iniciativa AhoMyTTS, unha ferramenta de síntese de voz que permite converter texto escrito en fala natural. AhoMyTTS funciona a partir de modelos de intelixencia artificial desenvolvidos pola Universidade do País Vasco e está adaptada para diferentes linguas, entre elas o galego, a través da colaboración do proxecto Nós. Estes demostradores —o tradutor e o TTS— teñen como obxectivo facilitar a transferencia do coñecemento xerado polo Proxecto Nós cara a empresas, administracións públicas e a sociedade en xeral, promovendo o uso real da lingua galega en contornas dixitais avanzadas.

Ecosistema tecnolóxico en galego sostible e competitivo

A sesión ‘Acceso e uso dos recursos: datos, modelos e ferramentasÂ’ afondou na filosofía aberta do proxecto, subliñando que tanto os datos como os modelos lingüísticos e as ferramentas desenvolvidas están dispoñibles para o seu uso libre, co fin de impulsar un ecosistema tecnolóxico en galego sostible e competitivo. Outro dos puntos tratados foi a inminente integración do Proxecto Nós en ALIA unha iniciativa pioneira na Unión Europea que busca dotar dunha infraestrutura pública de recursos de IA para promover o fomento do castelán e das linguas cooficiais no desenvolvemento e implantación da intelixencia artificial ​​no mundo. A xornada incluíu tamén unha presentación das dúas factorías de IA en España. En concreto, a factoría 1HealthAI, foi presentada por Lois Orosa, director do CESGA, o centro no que residirá o núcleo de infraestruturas e operativo de dita factoría.

O evento contou tamén cunha mesa redonda sobre a importancia do galego no mundo dixital, cunha moi destacada presenza de empresas galegas comprometidas co desenvolvemento tecnolóxico do galego en as tecnoloxías lingüísticas en xeral. Nesta mesa púxose de manifesto a necesaria colaboración entre investigación, empresa e administración para asegurar a presenza da lingua propia nos novos desenvolvementos tecnolóxicos e para fornecer unha industria galega en IA e tecnoloxías lingüísticas. O encontro pechouse coas intervencións da vicerreitora Pilar Bermejo, de Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; e Pedro Blanco Lobeiras, delegado do Goberno en Galicia. Todos eles coincidiron en sinalar na súas intervencións o Proxecto Nós como unha peza clave para garantir o futuro do galego na era da intelixencia artificial.

Proxecto Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais. En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) están accesibles de xeito totalmente libre a través da web do proxecto, a disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través de dúas entidades punteiras de investigación en Tecnoloxías da linguaxe e Intelixencia Artificial: o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Neste trienio contou coa financiación do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (nenos_1.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha dun programa específico para reducir o abandono escolar centrado en varóns e na poboación inmigrante sen educación secundaria de segunda etapa, é dicir, que non contan con títulos superiores ao de ESO. O responsable do Executivo autonómico apuntou que a redución do abandono escolar é un 'importantísimo asunto de carácter estrutural no que a Xunta está embarcada hai tempo'. Aínda que indicou que 'imos polo bo camiño', lembrando que Galicia pechou 2025 cunha taxa do 10,4%, case tres puntos por debaixo da media estatal, sinalou que 'non podemos conformarnos nin moito menos'. Así, lembrou que a taxa de abandono educativo temperán é case o dobre nos homes (13,5%) ca nas mulleres (7,2%), polo que o Goberno galego está a intensificar as medidas especiais sobre eles.
Foto de la tercera plana (carballo-interplay-2026.jpg) O XIII Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril un programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas RRSS, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos.

Notas

O Plan de Marketing Turístico de Lugo (PSTD Et edendo Lucus) é a folla de ruta 2024‑2026 que define a estratexia para posicionar á cidade como un referente europeo en turismo de calidade. O seu obxectivo principal é impulsar un turismo sostible que combine a riqueza do patrimonio romano, a biodiversidade da Reserva da Biosfera e a tradición enogastronómica da zona, para converter a Lugo nun destino imprescindible para amantes da historia, da natureza e da gastronomía, recoñecido pola súa autenticidade, innovación e compromiso ambiental.
O teatro galego celebrou a súa gran festa no Teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES