
A investigación, denominada Optimización topolóxica de estruturas con restricións avanzadas, incluíndo fenómenos dinámicos, pandeo e casos non lineais é unha das sete propostas do CITEEC aprobadas na convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023. Está liderada por Fermín Navarrina e José París, do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), e pretende desenvolver modelos que incorporen e verifiquen certas esixencias estruturais que non están sendo consideradas nos modelos actuais: o pandeo, os efectos non lineais e os efectos dinámicos.
Por unha banda, o fenómeno do pandeo aparece normalmente en estruturas delgadas ou esveltas de xeito repentino e provoca grandes deformacións e inestabilidade ou rotura, mentres que os efectos non lineais aparecen cando as estruturas non responden de forma proporcional á carga que reciben; é dicir, prodúcense comportamentos complexos como dobreces, abrandamentos ou endurecementos, entre outros, asociados a grandes deformacións e a grandes cambios de forma. Por outra banda, os efectos dinámicos son normalmente provocados pola acción do vento, da ondada ou dos terremotos, entre outros, e conducen a fenómenos vibratorios que poden ser perigosos para as estruturas.
Ao abordar estes factores, conséguese ampliar o rango de aplicación destes modelos a todo tipo de estruturas e a múltiples eidos reais, como é o caso da enxeñaría civil, industrial, aeronáutica e biomédica, entre outros.
O proxecto comezou en setembro de 2024 e espérase que remate o 31 de decembro de 2026. Nel traballa persoal investigador de España, de Portugal e de Francia, ademais de contar con colaboradores de Estados Unidos e Dinamarca, malia que tamén prevén contratar novos investigadores de formación predoutoral ou postdoutoral.
O CITEEC e os Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023
A mesma convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, aprobou un total de sete proxectos vinculados ao CITEEC, incluída outra proposta do GMNI liderada por Guillermo Lorenzo Gómez. A duración dos proxectos é de tres ou catro anos, e suman unha financiación total de 1.143.875.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.