
Jesús Gamallo aproveitou para destacar a Galicia como pioneira por ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial, tanto para regular a súa utilización na Administración e no sector público autonómico como para impulsala e promover o seu desenvolvemento. Todo isto no marco da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, que mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos cun impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros para despregar en Galicia unha intelixencia artificial de vangarda, ética, segura e centrada nas persoas.
Preparación en materia de defensa europea 2030
Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un ditame que propón unha serie de emendas ao Libro Blanco Preparación en materia de defensa europea 2030, que ten como obxectivo reforzar a cadea de subministración e a industria de defensa da UE mediante un maior investimento e unha mellor colaboración entre Estados membros. Os membros da comisión ECON propuxeron que se teñan en conta o papel das rexións e municipios nesta nesta tarefa polo apoio que dan ás pemes do sector e demandan, ademais, unha rede cohesionada de infraestruturas de dobre uso así como unha maior flexibilidade fiscal e maiores oportunidades económicas.
Jesús Gamallo destacou que esta folla de ruta vai na liña da Estratexia galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa recentemente aprobada pola Xunta de Galicia. Con este plan, o Goberno galego prevé mobilizar 900 millóns de euros para impulsar o crecemento empresarial, materializar investimentos industriais en Galicia, fortalecer as capacidades produtivas galegas e liderar as novas políticas neste eido en España. Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un ditame sobre o Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais. Posteriormente celebrouse unha conferencia baixo o título «Rexións sostibles e competitivas na UE».
Galicia nas comisións ECON e CIVEX do CdR
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.