
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe en Cracovia (Polonia) na reunión anual de directores da Vanguard Initiative, a alianza estratéxica que agrupa a 35 rexións europeas co obxectivo de impulsar o crecemento europeo a través da colaboración interrexional en I+D+i e a especialización intelixente. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o traballo de Galicia neste eido co obxectivo de reforzar a colaboración entre rexións.
A xornada, á que asisten representantes de alto nivel das diferentes rexións membro da Vanguard, celébrase en Cracovia coincidindo coa presidencia polaca do Consello da Unión Europea. No encontro debateuse arredor das prioridades para 2025 e de futuras actuacións da alianza co obxectivo de impulsar a innovación e a competitividade europea. Ademais, con esta reunión preténdese amplificar a voz dos actores rexionais en asuntos clave da política europea e garantir así que as prioridades rexionais estean ben representadas a nivel europeo.
No cumio expuxéronse, entre outros, os resultados do mecanismo de financiamento de proxectos interrexionais de innovación, Vinnovate, posto en marcha en 2024 por esta alianza co obxectivo de promover proxectos conxuntos en temáticas de interese compartido e vencellados ás áreas de especialización intelixente de cada rexión. Así mesmo, houbo oportunidade de tratar os detalles da nova convocatoria para 2025, que ten aberta a primeira fase ata o 15 de setembro, e abordar a incorporación de novos socios como o País Vasco. En 2024, Galicia foi a única comunidade española participante.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.