Noticias

O Consello Galego de Intelixencia artificial debate o programa para o desenvolvemento e aplicación desta tecnoloxía na Xunta ata 2027

O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebrou esta semana a súa primeira reunión executiva tras a súa constitución o pasado 25 de abril. Na reunión deuse conta das aportacións dos integrantes do Consello ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que será elevado ao Consello de Goberno da Xunta proximamente.

Este Programa busca consolidar a Galicia como referente no desenvolvemento e aplicación da IA, acelerando a adopción desta tecnoloxía en todos os sectores da sociedade galega. Neste sentido, Galicia foi unha das tres primeiras Comunidades en aprobar unha estratexia propia de IA e a primeira rexión europea en aprobar unha lei para o seu desenvolvemento e uso na Administración e a súa promoción na sociedade.

Os integrantes deste órgano de participación e asesoramento puideron tamén escoitar as expectativas das persoas con discapacidade con respecto ao desenvolvemento desta tecnoloxía, da man de Luciano Fernández Pintor, vicepresidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), entidade convidada a esta primeira xuntanza.

O Consello Galego de IA foi creado pola Lei 2/2025, de 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia artificial en Galicia como máximo órgano colexiado de participación pública, privada e do coñecemento. Forman parte do Consello responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica, representantes das universidades, colexios profesionais, centros tecnolóxicos, e axentes sociais.

O Consello foi informado dos proxectos piloto que se están a encargar ás empresas adxudicatarias do Acordo Marco para a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico en departamentos como a Asesoría Xurídica ou a Intervención.

Por último, informouse sobre as liñas da resposta que Galicia prepara para a consulta aberta da Comisión Europea sobre os sistemas de IA de alto risco.

R., 2025-07-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES