
Vigo participou dentro da semana dedicada á Paz, Seguridade Humana e Dignidade, como responsable do proxecto Quantum-Safe Internet, QSI, unha rede de doutoramento Marie-Curie financiada pola Unión Europea con máis de 2 millóns de euros, coordinada polo catedrático Marcos Curty e grazas á cal 12 mozas e mozos de diferentes países se forman para converterse na nova xeración de especialistas responsables de abordar o gran desafío de proporcionarlle á sociedade unha internet segura.
A UVigo conta cunha gran visibilidade internacional no campo das comunicacións cuánticas, salienta Marcos Curty, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador responsable do Vigo Quantum Communication Center. Actualmente a institución participa en 6 proxectos europeos -incluído QSI- e en dous proxectos nacionais sobre comunicacións cuánticas. Creamos o Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, pertencente á rede Cigus, que centraliza estes esforzos, apunta Curty, ao que engade que o obxectivo é lograr comunicacións plenamente seguras na era dos ordenadores cuánticos, algo que representa grandes oportunidades pero que, ao mesmo tempo, supón unha ameaza severa para os métodos criptográficos que empregamos na actualidade para protexer as nosas comunicacións.
A selección do proxecto QSI por parte da Comisión Europea para participar na exposición Osaka 2025 supón, a xuízo de Curty, un gran recoñecemento ao liderado e compromiso europeo na construción dun futuro dixital seguro fronte ás ameazas emerxentes.
Na busca dunha futura internet resistente aos riscos da computación cuántica
Durante a súa participación na exposición, os investigadores do proxecto QSI explicaron a súa proposta para lograr comunicacións plenamente seguras e, en particular, unha futura internet resistente aos riscos da computación cuántica. Son obxectivos que están plenamente aliñados co espírito da exposición e cos valores da Unión Europea en materia de innovación tecnolóxica, ciberseguridade e dereitos dixitais, explica Curty.
Nesta ocasión viaxaron a Xapón os estudantes de doutoramento da Universidade de Vigo Alessandro Marcomini e Vaisakh Mannalath, xunto co profesor Alex B. Grilo da Universidade de Sorbonne (Francia) e o profesor Christian Majenz da Universidade Técnica de Dinamarca e, xa alí, uníronse a eles os socios do proxecto en Xapón, o profesor Kiyoshi Tamaki, da Universidade de Toyama, e o investigador Koji Azuma, da empresa de telecomunicacións NTT.
Ao longo de varios días ofreceron un completo programa de actividades que incluíron charlas divulgativas, proxeccións audiovisuais sobre os resultados que se están a acadar, así como talleres interactivos e actividades lúdicas para todos os públicos centrados nos desafíos e solucións da seguridade dixital cuántica e poscuántica.
Somos unha canteira importante de investigadores nesta área
Con catro anos de duración, o proxecto Quantum-Safe Internet, QSI, arrancou en outubro de 2022 e finalizará o 30 de setembro de 2026. Trátase dunha rede de formación de doutores da que forman parte 22 entidades, 7 como beneficiarias e 15 como asociadas, incluíndo grandes empresas como Toshiba ou Cisco, e universidades de Francia, Alemaña, Dinamarca, Países Baixos, Italia, Reino Unido, Suíza, Xapón ou Canadá.
Ao seu abeiro estanse a formar 12 estudantes de doutoramento -2 mulleres e 10 homes- provenientes de seis países: Italia (3), Alemaña (2), India (2), España (2), Arxentina, México e Francia. Destes 12 estudantes dous están contratados na propia UVigo, un de Italia e outro da India. A maiores varios estudantes de doutoramento doutras institucións do consorcio realizaron ou realizarán estancias de investigación na nosa universidade, explica o responsable do proxecto, quen fai fincapé en que, neste contexto podemos dicir que somos unha canteira importante de investigadores nesta área.
O balance destes tres primeiros anos de formación e investigación é, a xuízo dos seu responsable, moi positivo, e o mellor exemplo destes bos resultados é, precisamente, ter sido seleccionados pola Comisión Europea para representar a Europa nesta exposición, algo do que, como coordinadores, nos sentimos moi orgullosos.
A maiores da participación nesta exposición, Curty apunta tamén que a revista oficial da Comisión Europea, Horizon Magazine, dedicoulle recentemente un artigo o proxecto QSI, resaltando os seus principais obxectivos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.