Noticias

Preto de 600 centros empregarán o vindeiro curso o modelo de ensino híbrido do proxecto E-Dixgal

Un total de 599 centros educativos que imparten ensinanzas de Primaria e Secundaria empregarán o vindeiro curso o modelo de ensino híbrido voluntario do proxecto E-Dixgal, segundo a resolución publicada hoxe. Todos eles xa participaban na iniciativa actualmente, polo que non se producen novas incorporacións. Si hai dous centros que pediron incrementar o número de cursos no proxecto, en concreto os colexios CPR Sagrado Corazón, de Ribeira, e CPR Divino Maestro, de Ourense. Así mesmo, deciden saír do proxecto 14 centros. Os centros integrados poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria e de dous libros na de Educación Secundaria, nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel.


Cómpre lembrar que a Xunta está a desenvolver un proceso se actualización do proxecto, co obxectivo de reforzar o seu carácter híbrido. Para iso, introduciranse xa no vindeiro curso melloras, como a dotación aos centros E-Dixgal de libros de texto, que a Xunta prestará de xeito gratuíto ao alumnado en función da renda familiar.

Os centros integrados poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria e de dous libros na de Educación Secundaria, nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo de manuais que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería. É dicir, para as rendas iguais ou inferiores a 10.000€ per cápita.

No caso de que superen os umbrais de renda que rexen para o fondo de libros, as familias poderán beneficiaranse das novas desgravacións fiscais de ata 105€ por fillo que a Xunta vai a poñer en marcha por primeira vez, para rendas per cápita superiores aos 10.000€ e ata 30.000€. A incorporación de libros en papel será, en todo caso, unha decisión voluntaria por parte de cada centro e teñen de prazo ata o día 20 de xuño para comunicarlle á Consellería a decisión.

Entre as melloras figuran tamén o reforzo dos contidos dixitais de calidade a través de cREAgal, unha nova ferramenta xa en marcha na que o profesorado deseña e comparte recursos didácticos de elaboración propia; a incorporación de novas materias con contidos en inglés e a revisión dos materiais xa existentes co fin de continuar optimizándoos para a mellor utilización na aula.

Outro dos eidos onde se fai fincapé é o da formación no ámbito do profesorado, que vai contar cun itinerario formativo específico vencellado ao desenvolvemento do modelo mixto, así como o reforzo das actividades contempladas no Plan dixital de centro dirixidas ao alumnado sobre a navegación segura, a protección da privacidade e os riscos do mundo dixital.

O apartado do benestar dixital é outro dos aspectos que recibe un novo impulso a través dun plan cuxa elaboración iniciou a Consellería xa cunha xuntanza de traballo con expertos do eido da pedagoxía, a pediatría, a psicoloxía e a tecnoloxía. Ademais, vanse deseñar accións formativas dirixidas ás familias que se canalizaran a través das Escolas de nais e pais, con formación nos propios centros e, por primeira vez, nos centros de formación e recursos das cidades.

O proceso de revisión e actualización de E-Dixgal desenvolverase en dúas fases, a primeira das cales arrancará xa en setembro. Ampliarase no curso 26-27, unha vez que se aprobe a Lei de educación dixital actualmente en elaboración, que estará orientada a regular este modelo híbrido. Os cambios buscan adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica, dando resposta ademais ao sentir da comunidade educativa ao respecto do uso das pantallas. Cómpre lembrar que, neste sentido, xa se avanzou en cuestións como a prohibición do uso dos teléfonos móbiles nas aulas.

Participación voluntaria

A entrada e saída ao proxecto E-Dixgal é totalmente voluntaria por parte dos centros con varios requisitos, entre eles o apoio previo do Claustro do profesorado e do Consello Escolar, onde están representadas as familias. Ademais, deben ter rematada a súa permanencia no programa.

Seguindo estas premisas os 14 centros que saen do programa E-Dixgal o vindeiro curso son, na provincia da Coruña, o Instituto IES Ricardo Carvalho Calero (Ferrol) e o Colexio CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo, saen o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz (Meira), o CEIP O Salvador (A Pastoriza) e o IES do Camiño (Palas de Rei); mentres que na de Ourense son os colexios CPR Plurilingüe Concepción Arenal e CPI Plurilingüe José García García, ambos da capital de provincia, e o IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Na provincia de Pontevedra saen de E-Dixgal o IES Monte da Vila (O Grove), o CPR Plurilingüe La Inmaculada (Marín), o IES de Mos (Mos), o CEIP Mallón (Nigrán) e o IES Val do Tea (Ponteareas).

R., 2025-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES