Notas de prensa

Especialistas do CIM afondan na historia xeolóxica da ría de Vigo

O grupo de Análise de Concas Sedimentarias do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo lidera un proxecto que busca estudar a dinámica xeolóxica e sedimentaria da ría de Vigo e analizar a resposta dos ecosistemas costeiros ás variacións climáticas e ao nivel do mar. A iniciativa conta cun financiamento de 156.250,00 euros no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.

Este grupo de investigación xa achegara no pasado datos relevantes sobre a ría de Vigo, entre eles, unha mellor datación do recheo sedimentario e evidencias de que é a única ría galega confirmada como val inciso composto, unha estrutura escavada sobre substrato rochoso e posteriormente cuberta por sedimentos en diferentes fases. Este novo proxecto intenta agora encher baleiros de coñecemento investigando algunhas áreas pouco profundas e aínda pouco coñecidas, preto das marxes exterior e intermedia da ría, así como nas marxes dos sistemas de escapes de gas da enseada de San Simón.

Reconstruíndo a evolución ambiental da ría

A investigación permitirá reconstruír en alta resolución a evolución dos ambientes de sedimentación durante a transgresión mariña, proceso polo cal o nivel do mar ascende e inunda progresivamente as áreas costeiras, e afondar en como o clima flutuante e o nivel relativo do mar afectaron á dinámica espazo-temporal dos ecosistemas sensibles, de alto valor ambiental.

Para iso, combinaranse técnicas de sísmica de alta resolución, datacións con carbono 14 e estudos xeoquímicos e biolóxicos orientados á reconstrución paleoambiental. “O que buscamos é reconstruír os cambios na configuración e recheo da ría durante a transgresión mariña e entender como afectaron aos ecosistemas costeiros”, aclarou un dos investigadores responsables do proxecto, Castor Muñoz Sobrino, integrante dun equipo do que tamén forman parte Soledad García Gil, Gonzalo Méndez Martínez e Alejandro de Carlos Villamarín. “Isto permitirá identificar os principais eventos erosivos e oscilacións do nivel do mar e relacionar estes procesos cos eventos climáticos e impactos antrópicos rexistrados no noroeste da península ibérica durante os últimos milleiros de anos”, explicou.

Anticipar os cambios para mellorar a xestión dos ecosistemas

Castor Muñoz afondou en que “a idea é identificar as principais discontinuidades do recheo (superficies de erosión das mareas, da ondada e as superficies de máxima inundación), aínda descoñecidas, e completar a cartografía de alta resolución para comprender a súa relación coa xeoloxía subxacente, a sedimentoloxía, a bioxeoquímica e a ecoloxía microbiana”. A maiores tamén lles interesa relacionar os cambios detectados na configuración, hidroloxía, recheo sedimentario, produtividade e biodiversidade da ría cos principais eventos climáticos/antropóxenicos rexistrados no noroeste da península ibérica durante o Holoceno.

“Unha mellor comprensión destas conexións serviría para avaliar os futuros riscos que o incremento da temperatura, o aumento do nivel do mar e a menor intensidade da corrente do Xiro Meridional do Atlántico poden ter en diferentes tipos de áreas costeiras e pode contribuír a mellorar a xestión dos ecosistemas mariños/terrestres, xa que proporcionaría unha boa perspectiva dos cambios a escalas de poucos centenares de anos ou incluso de décadas”, afirmou o investigador do CIM, institución que forma parte da Rede Cigus, unha iniciativa da Xunta de Galicia que integra centros acreditados pola súa calidade e impacto científico

“Entender os cambios acaecidos no pasado en escalas de tempo relativamente curtas (séculos, décadas) tamén pode ter aplicacións na planificación de políticas económicas e ambientais, e na definición de estratexias de conservación do patrimonio costeiro”, argumentou.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES