Notas de prensa

Universidade, Deputación de Ourense e Eixo Atlántico apostan por un novo modelo de turismo sostible e policéntrico

Un modelo de turismo sostible e policéntrico que transforme a maneira na que se deseña e se consume a experiencia turística, ofrecendo produtos adaptados ás preferencias individuais das persoas visitantes e promovendo una relación equilibrada entre turismo e territorio. Esta é a aposta do proxecto Interreg Atlantic Area Post (Estratexia de Turismo Sostible Policéntrico), que este martes celebrou unha xornada no campus de Ourense.

Liderado pola Deputación de Ourense, Post reúne a dez entidades públicas de catro países e ten un orzamento de 1,5 millóns de euros, contando con financiamento Feder a través do programa Interreg Espazo Atlántico. A súa xornada de presentación en Ourense levou por título Estratexia de Turismo Policéntrico Sostible e enmarcouse na actividade do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. A cita foi inaugurada por Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo; María Montserrat Cruz, profesora da UVigo coordinadora da actividade e experta do proxecto; Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico; e Francisco Javier Feijoo, xefe de negociado da Sección de Planificación, Patrimonio e Programas de Cooperación da Deputación de Ourense.

Post, indican desde a súa organización, propón un modelo alternativo ao turismo de masas, baseado na identidade do territorio e no respecto activo polo seu patrimonio, a súa paisaxe e os seus habitantes. Trátase dunha visión de turismo sostible policéntrico. “Abórdase a compensación e movemento de fluxos turísticos entre territorios, mediante a creación de circuítos e vínculos estratéxicos, desvía os fluxos das zonas saturadas e libera o potencial sen explotar dos destinos máis pequenos”, afirman. O concepto de turismo policéntrico propón distribuír a actividade turística a partir dos grandes polos de atracción, potenciando as pernoctacións e desviando visitas cara localidades e recursos que, pese o seu valor cultural, arqueolóxico, natural ou gastronómico, non son o principal reclamo para unha viaxe de longa distancia.

A participación da UVigo neste eido

Como líderes do proxecto, desde a Deputación de Ourense destacan a importancia do turismo como un sector clave para transformar os recursos do territorio nunha actividade económica sostible, pero prevendo os efectos negativos derivados dunha xestión inadecuada, como son: a presión sobre o territorio e o deterioro do patrimonio natural e cultural, así como o deterioro da calidade de vida dos seus habitantes. Neste sentido, detallan, “a Deputación xa contratou un servizo de asesoramento en materia de turismo, así como a elaboración dun proxecto turístico piloto e o seu financiamento a nivel europeo, á Universidade de Vigo”. Este proxecto piloto, apuntan, vaise desenvolver e aplicar na zona de Valdeorras-Ribeira Sacra e servirá para probar na provincia de Ourense a validez da estratexia de turismo sostible policéntrico desenvolvida entre todos os socios de Post.

A posta en marcha destes modelos turísticos xera a necesidade de novas cualificacións e perfís profesionais. Por este motivo, indican desde o proxecto Interreg, o campus de Ourense “desenvolve programas de formación específicos orientados a capacitar profesionais capaces de deseñar, xestionar e comunicar produtos turísticos de autor e propostas policéntricas”. Igualmente, no marco de Post, o campus acolleu tamén a finais de outubro un hackathon-laboratorio de ideas para repensar o turismo, no que 25 participantes de diferentes disciplinas traballaron no "turismo do futuro" apostando por un enfoque innovador e sostible.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-12-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES