Noticias

Galicia presentará alegacións á nova Planificación eléctrica 2025-2030 do Goberno central, que apenas reserva un 2,8 % do investimento total para a nosa comunidade

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Executivo autonómico 'vai presentar alegacións' á proposta de planificación da rede de transporte eléctrica para o período 2025-2030 presentada polo Estado o pasado mes de outubro xa que 'apenas reserva un 2,8% do investimento total para Galicia'. Rueda resaltou que as comunidades necesitan 'infraestruturas eléctricas modernas e adaptadas á realidade actual do tecido industrial e ao crecemento previsto no futuro'. Nesta liña, lembrou que contar con estas instalacións 'é fundamental para o desenvolvemento económico das comunidades'.

A vixente planificación da rede de transporte para 2021-2026 xa discriminou a Galicia, ao prever menos dun 1% de investimento en redes fronte ao 6,7% no período anterior (2015-2020). Agora, a nova proposta amosa unha continuidade nesta liña discriminatoria polo baixo investimento reiterado que se prolongará como mínimo máis dun lustro.

Así, pese a que Galicia precisa máis capacidade para a evacuación de enerxía renovable e de consumo coa finalidade de dar resposta ás demandas dos proxectos industriais, Rueda lamentou que dos 13.122 millóns de euros destinados na nova planificación eléctrica 2025-2030, “o Goberno central tan só asigna a Galicia arredor de 367 millóns de euros do investimento total, é dicir, un 2,8%”, porcentaxe moi por debaixo da súa achega ao mix eléctrico (8,8%).

Ademais, deses 367 millóns, o Ministerio tan só reserva 215 para acometer novos investimentos ou actuacións, é dicir, un 1,6% do total de fondos a nivel estatal. O resto correspóndese con investimentos non executados da planificación vixente de maneira que unha parte moi importante dos investimentos do Goberno arrástranse da planificación actual.

Deste xeito, Rueda advertiu que se poñen en risco “máis dunha ducia de proxectos industriais declarados estratéxicos” para o desenvolvemento industrial da comunidade, como a planta de produción de metanol verde prevista en Mugardos (Triskelion) ou a central de bombeo reversible CHR Meirama, ambas actuacións na provincia da Coruña. Ademais, a planificación esquece o crecemento que deberá experimentar a demanda enerxética en Galicia nos vindeiros anos nun actual contexto de electrificación da economía mundial que é imprescindible para a súa descarbonización.

Por iso, tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a Xunta vai reclamar “máis capacidade de consumo e evacuación” e que a nova planificación “non condene o desenvolvemento económico en determinadas zonas da comunidade” como é o caso de Lugo que “queda absolutamente desatendida salvo na zona norte”.

A conselleira -que lamentou que o investimento previsto “sexa claramente inferior ao que lle corresponde a Galicia”- lembrou, ademais, que a planificación “chega tarde” xa que cos trámites aínda pendentes, as obras das novas infraestruturas non se iniciarán “antes de 2028 ou 2029”.

O Goberno galego rexistrará mañá un documento de alegacións no que reclamará o incremento dos investimentos en Galicia ata lograr como mínimo o 6,7 % e recorda que a consecuencia directa desta discriminación é que non se atenden todas as necesidades enerxéticas das iniciativas industriais proxectadas para os vindeiros anos. De feito, as actuacións incluídas no borrador da planificación do Estado para o horizonte 2030 representan algo menos de 2.000 MW (1.899), malia que o Goberno galego tiña solicitado máis de 8.000 MW de capacidade.

Así mesmo, solicita coñecer a distribución territorial da nova potencia que vai estar dispoñible para o consumo, que se considera imprescindible para poder elaborar unha planificación industrial para os vindeiros anos, ao condicionar a localización na que se poderán implantar novos proxectos industriais.

Freo ao desenvolvemento de Lugo e das comarcas da Coruña e Ferrol

A Xunta tamén reclamará maior investimento nas comarcas de Ferrol e da Coruña, onde non hai novos reforzos para as zonas declaradas de transición xusta tras o peche decretado polo Estado das centrais térmicas.

Estas dúas demarcacións territoriais contan, ademais, con diferentes proxectos industriais a desenvolver. Trátase de iniciativas que, de saír adiante -no caso da de Ferrol- permitirían impulsar o seu desenvolvemento económico e convertela nun polo de atracción industrial.

A incorporación de novas infraestruturas de transporte para a zona central e o oeste da provincia de Lugo é outra das alegacións que presentará a Xunta, xa que segue sen dispoñer de ningunha subestación, o que frea o seu futuro industrial.

Tal é como xa denunciou o Goberno galego en canto coñeceu o contido do borrador, a falta de investimentos nestas dúas zonas impide dar solución a través da rede de transporte ás necesidades enerxéticas de calquera proxecto cun consumo relativamente elevado na zona e o asentamento dunha mediana ou grande empresa.

Curtis-Teixeiro, sen posibilidade de novos desenvolvementos

A Xunta tamén instará ao Estado a incorporar nos plans para os vindeiros anos novas infraestruturas naquelas zonas que carecen delas e que contan cunha demanda real. É o caso da zona de Curtis-Teixeiro, con solo empresarial e gran interese en desenvolver proxectos de hidróxeno verde ou centros de datos e para a que o borrador non inclúe unha solución técnica.

Proxectos de bombeo reversible

No documento de alegacións requirirase, así mesmo, investimento para asegurar a capacidade de evacuación de proxectos de xeración de enerxía a partir de fontes renovables, entre elas, as de almacenamento e as vinculadas coa eólica mariña. Trátase de iniciativas para as que o propio Goberno central reclamou o seu desenvolvemento, pero que agora non contempla no borrador malia ser necesarios para seguir favorecendo a penetración de renovables no mix enerxético e avanzar na descarbonización.

Por outra banda, solicitarase un reforzo dos nós onde existen proxectos de bombeo reversible. Cómpre lembrar que na actualidade están proxectadas centrais de bombeo reversible deste tipo en Mazaricos, Lousame, A Cañiza, Cartelle, O Saviñao e Entrimo.

En definitiva, a proposta do Ministerio pode supor un freo ao desenvolvemento industrial de Galicia, xa que unha gran parte das actuacións recollidas na proposta para a Comunidade van dirixidas ao reforzo da seguridade e estabilidade do sistema e apoio ás redes de distribución, pero non á conexión de novos proxectos industriais, tal e como teñen solicitado a Administración galega e o propio sector e como volverá a reclamar a Xunta coa presentación do documento de alegacións ao borrador analizado hoxe.

Ademais, cómpre lembrar que a achega galega ao PIB sitúase en torno ao 5,2% e a cifra de investimento na Comunidade galega para redes de transporte eléctrica segue estando lonxe do 6,7 % do período 2015-2020, do 2,5 % do período 2021-2026 e moito máis lonxe aínda da que se prevé para o horizonte 2030.

R., 2025-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES