Notas de prensa

Danza, teatro e creación audiovisual protagonizan a Primavera Cultural do Campus de Lugo

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.

A edición número 24 do Encontro de Danza da USC serve de marco, este venres 17 de abril, no Auditorio Fuxan os Ventos, ás 20.30 horas, para a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e da propia da USC, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera. A Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa obra titulada 'Xeometría dun silencio aprendido', dirixida por Nuria Sotelo e coreografiada por Ainhoa Linaza e Creación Colectiva, é a encargada de abrir o programa.

A Aula de Danza da Universidade de Coruña intervén a continuación coa obra 'Deriva', coreografiada por Alicia López e Alba Fernández. 'Esquecid@s' é o titulo da obra da Compañía de Danza da USC, dirixida por Juan Carlos Zahera e coreografiada por Rosa Acuña que completa o programa do Encontro. Reúnense de novo as tres Compañías de Danza da USC (campus de Compostela, campus de Lugo e Sen Vergoña) nunha soa produción.

XXXII Festival de Teatro Universitario

Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O domingo 19 estréase a peza ‘Do marabilloso mundo dos animais: os cordeiros’, da compañía de teatro da USC-Lugo, con primeira función ás 18.00 horas e segunda función ás 20.30 horas, no Pazo de San Marcos de Lugo. Para estas representacións as entradas xa están esgotadas.

O 20 de abril será a quenda da compañía de teatro da UDC-A Coruña, coa peza ‘Encrobas 77: A precuela’, ás 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire. ‘Insurección’ é a peza que representará a Aula de teatro do campus de Ourense da UVigo-Grupo Maricastaña o 21 de abril ás 20.30 horas, tamén no Auditorio Gustavo Freire; mentres que ‘Irmás’ é a peza que representará a compañía de teatro da USC-Santiago o 22 de abril ás 20.30 horas no mesmo escenario. Finalmente, o 23 de abril a compañía Vaites Vaites IV ciclo USC-Lugo representará ‘Lectura dramatizada das asemblearias’, ás 20.30 horas na Casa do Saber. Para asistir ás funcións dos días 20, 21 e 22 de abril hai que solicitar entrada en https://entradaslugo.es/

Últimos días para o Findecurta

O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame. O devandito reto consiste en certas condicións que a curtametraxe deberán ter ou que deberá aparecer nela. Todos os anos ese reto cambia e cada grupo participante deberá estar representado na xuntanza por unha persoa debidamente acreditada.

Os premios que se poden acadar son un primeiro de 450 euros, que supón ademais a participación da curtametraxe na Semana de Cine de Lugo onde se competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega, e un segundo premio (Premio do Público), que tamén supón a participación da curtametraxe na Semana de Cine de Lugo.

Estas iniciativa enmárcase dentro da programación da Primavera Cultural da USC que se artella ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-04-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES