
Estas partículas combinan dous trazos esenciais das células naturais: un interior densamente concentrado que lembra ao medio intracelular e unha membrana externa que actúa como barreira protectora e permeable.
O uso de dendrímeros, polímeros sintéticos con estrutura ramificada e altamente controlada, confire a estas microgotas unha resistencia excepcional en condicións fisiolóxicas, moi superior á doutros modelos celulares sintéticos. Conseguimos que estas estruturas manteñan a súa integridade mesmo en ambientes con elevadas concentracións de sal, onde os coacervados convencionais desestabilízanse, explica Eduardo Fernández Megía, quen dirixiu o estudo que acaba de ver a luz no Journal of the American Chemical Society (JACS) co título Dendritic Membranized Coacervate Microdroplets: A Robust Platform for Synthetic-Living Cell Consortia.
Transducións de sinais
Máis aló da súa estabilidade, as novas microgotas mostran un comportamento biomimético destacable: poden encapsular proteínas de forma selectiva, facilitar reaccións encimáticas en fervenza e establecer procesos de comunicación química similares aos que ocorren entre células vivas. De feito, o equipo demostrou que estas estruturas son capaces de interactuar funcionalmente con células naturais mediante mecanismos de transdución de sinais, o que as converte en prometedores candidatos para aplicacións en medicina rexenerativa, terapias dirixidas e a construción de tecidos artificiais.
O resultado é un novo tipo de célula artificial resistente e funcional que imita as naturais, pero construída a partir de compoñentes básicos, destaca Lucas García Abuín, coautor do estudo xunto a Celia Jiménez López e o profesor Fernández Megía. O traballo sobre dendrímeros e nanoestructuras poliméricas para aplicacións biomédicas é unha das liñas que investiga o laboratorio de Fernández Megía no CiQUS da USC, centro que conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.