Noticias

Galicia incrementa o número de usuarios de Internet en máis de 113.100 persoas nos últimos catro anos

Un total de 113.114 persoas incorporáronse ao uso de internet en Galicia entre 2021 e 2024. Nese mesmo período os fogares con internet contratado incrementáronse en 55.208 e son xa o 95,5% do total das vivendas galegas. Os incrementos máis significativos rexístranse nos indicadores nos que Galicia presentaba os valores máis baixos, como nos concellos de menos de 5.000 habitantes, onde a contratación de internet nos fogares crece un 11,6% e sitúase por primeira vez por riba do 90%; e no uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos, que roza o 75%, cun aumento de máis dun 13% respecto ao ano pasado. Estas datos, recollidos no estudo 'Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2024', que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, reflicte o crecemento sostido da Comunidade cun aumento xeneralizado no uso de Internet.

Preto do 94% dos galegos e galegas empregaron internet nos últimos tres meses en 2024. O uso da rede é practicamente universal nas franxas de idade dos 16 aos 44 anos, supera o 98% entre os 45 e os 54 anos e segue crecendo entre os 55 e os 64 anos, onde acada o 93,2% e, entre os 65 e o 74, rozando o 75%. Cómpre destacar que Galicia incrementou os usuarios activos de Internet nun 5% dende o ano 2021, fronte ao 2% do conxunto de España e o 4,3% da Unión Europea.

Ademais do incremento de fogares con internet contratado, o estudo sinala un aumento significativo na contratación de conexións de alta velocidade: o 65,2% dos fogares conta con conexións superiores aos 100 Mbps, fronte ao 30% de 2021; e un 86,3% dos fogares dispón de internet de máis de 30Mbps.

Dispositivos dixitais e uso

O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos é o teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet (smartphone). O 95,7% da poboación galega emprega un smartphone. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos, mentres que entre as persoas maiores de 65 anos sitúase no 83,4%.

O 80,7% dos fogares dispoñen dun ordenador de sobremesa, portátil ou tablet, destacando o portátil como tipo de ordenador máis común (60,8%). As televisións intelixentes xa están presentes no 59,1% das vivendas, o que supón un incremento do 6,7% respecto a 2023 e dun 35,2% desde 2021. Tamén aumenta a presenza de altofalantes dixitais nos fogares, que xa se sitúa no 16,5%, un 6,5% máis que o ano anterior.

As actividades dixitais máis frecuentes inclúen a busca de información sobre bens e servizos (92,6%), as videoconferencias (92,6%), a lectura de noticias en liña (85,5%) e o uso da banca electrónica (81,6%).

Compras, administración electrónica e ciberseguridade

O 67,4% da poboación galega mercou por Internet en 2024, cun incremento do 5,5% no último ano. O uso da administración electrónica en Galicia tamén continúa medrando e xa a empregan o 86,6% dos internautas. En canto á ciberseguridade, o 17% dos galegos declarou ter sufrido algún incidente no último ano.

R., 2025-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES