Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) acaba de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e USC Editora, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos 'pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas', explican. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e as entidades locais asociadas, ofrece de xullo a decembro en 40 concellos galegos un total de 219 novas representacións a cargo de 115 formacións artísticas. Por disciplinas, haberá 181 actuacións de teatro, 14 concertos, 13 funcións de danza, oito de maxia e tres de novo circo. Entre todas elas, 65 están destinadas especificamente a público infantil e familiar. A programación deste segundo semestre arranca en Noia este sábado 19 de xullo co espectáculo de circo A queima da fachada, de Especialistas Hípica Celta. Será ás 22,30 h. na Alameda.
En Valença do Minho celébranse as dúas primeiras xornadas do festival. Na primeira delas, terá lugar a Gala Caixason, co cantautor español Antonio Orozco e a portuguesa Rita Rocha. Na segunda, na Fortaleza, o concerto conxunto de Milhanas e as galegas Fillas de Cassandra. Xa en Tui, na alameda de Santo Domingo estará o día 18 o pianista e escritor James Rhodes, mentres que ao día seguinte, no paseo da Corredera, celébrase a final do concurso Novas Ondas Sonoras, onde seis novos talentos galegos e portugueses loitarán polo trofeo. Na derradeira xornada actuará no Teatro Municipal o saxofonista Perico Sambeat coa Orquestra Jazz de Matosinhos.
Danza no Camiño, o festival itinerante que mestura arte, danza e música con inspiración na ruta xacobea, chegará o mércores 16 a Galicia cunha primeira parada cultural en Sarria, á que lle seguirán as do xoves 17 en Portomarín e do venres 18 en Santiago de Compostela como meta do percorrido iniciado o pasado 1 de xullo en Huesca. Baixo a produción da compañía galega SóLODOS, a iniciativa conta co patrocinio da Xunta para o seu desenvolvemento en territorio galego. Os tres devanditos concellos polos que discorre o Camiño Francés acollerán espectáculos inéditos de España e Taiwán, así como a peza Onde pousa a humidade, asinando pola viguesa Marcia Vázquez, artista convidada desta sétima edición da proposta.
O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.
Os Concertos do Xacobeo achegan a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas coa súa nova e singular xira 'Lugares Máxicos 2025'. O artista actuará no marco incomparable do Adro do Santuario da localidade ourensá o xoves, 17 de xullo, contra ás 20,00 horas. Os Concertos do Xacobeo danlle tamén cobertura a outras oito citas do músico este verán noutros escenarios únicos como Baiona, Ribadeo, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, Boqueixón, Marín, Sober e Sobrado.
A cuarta edición do Festivalle dará comezo coa representación de Los cuernos de Don Friolera a cargo da Teatro del Canal. Durante os días seguintes, a programación desenvolverase por diferentes espazos de Vilanova de Arousa, onde se poderá gozar de La Rosa de Papel, de Teatro Tribueñe, compañía que tamén escenificará El embrujado. O peche do festival será para conmemorar o centenario este ano da estrea de La cabeza del Bautista coa proxección dun documental audiovisual inédito. Os vencellos persoais e profesionais entre os autores de Luces de Bohemia e Sempre en Galiza estarán presentes no Curso de Verán, que este certame celebra paralelamente ás representacións teatrais. A Xunta volve apoiar o certame de teatro Festivalle, que se dedica en exclusiva a obra, figura e legado de Ramón María del Valle-Inclán e que, neste 2025, se suma á celebración do Ano Castelao.
Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, 'Castelao. Mirar por Galicia' aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor. O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica.
A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 41ª edición, que se desenvolverá do 18 ao 26 de xullo marcada pola incorporación dunha nova dirección artística, por primeira vez a cargo dun equipo femInino, o formado por Sabela Mendoza como directora e Gena Baamonde como directora adxunta. A programación galega constitúe un dos eixes centrais da MIT, coa presentación de espectáculos de nove compañías do país como son Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e mais o colectivo A Volátil, que se presenta por primeira vez na MIT, e a colaboración de outras tantas artistas e profesionais en diversas actividades paralelas entre as que está a celebración dos 20 anos do Premio Abrente.
« Anterior | 3  de  280 | Siguiente »

Notas cultura

Poucas figuras teñen deixado tanta pegada no imaxinario colectivo galego como a de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). As súas múltiples facetas como deseñador, ceramista, pintor, empresario e intelectual convertérono nun emblema da identidade cultural galega. Precisamente neste 2025, no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Universidade de Vigo quere renderlle homenaxe e contribuír a difundir o seu traballo e legado. Para facelo, este venres inaugurouse a mostra Isaac Díaz Pardo.
Co obxectivo de achegar á cidadanía os resultados do labor formativo que se desenvolve na Aula de Música Tradicional Galega do campus, a Vicerreitoría promove, coa colaboración do Concello de Pontevedra, unha serie de actuacións en diferentes prazas da cidade. Estas terán lugar nas tardes dos luns ao longo do mes de xuño e permitirán tamén dar a coñecer as diferentes aulas e grupos inseridos na programación cultural da Vicerreitoría, que acompañarán á aula en varias dos concertos.
Especialistas do Grupo Iacobus da USC abordarán do 21 ao 22 de maio a análise de diversas obras seleccionadas entre os numerosos bens culturais que conserva o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A finalidade deste foro que leva por título 'Tempo de arte. Obras de museo III' é poñer en valor a súa colección e difundila á cidadanía a través deste curso monográfico coordinado por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da USC, e Marcos Calles, director do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.
O libreiro de vello e investigador Xosé Manuel Valín Barreiro será protagonista este sábado do espazo 'De conversa con...', que forma parte da programación de actividades culturais da taberna A despensa do Saa. Valín falará de Libros con historia. Xosé Manuel Valín é o titular da librería de vello Valín Libros, en Lugo. É autor de 'Lugo, entre la historia y la leyenda', 'Orígenes, mitos y leyendas de Galicia' e 'Manuel Pajón, o bardo lugués'.
O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.
'Vida, biografías, bioficcións' é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar este mes de abril con varias iniciativas culturais. O encontro desenvólvese ata o 30 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O simposio estrutúrase en tres paneis e catro mesas redondas, ademais de dúas conferencias.
A profesora do Área de Filoloxía Románica da USC, Mariña Arbor Aldea, é unha das autoras do volume Universo Cantigas. I. Cantigas de Amor, unha serie dedicada á poesía galego-portuguesa medieval e que se presentará este xoves 24, ás 19.30 horas, a Sala Cubo de Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. A obra recolle por vez primeira a edición crítica das 704 cantigas de amor transmitidas polos principais cancioneiros medievais: o da Ajuda, o da Biblioteca Nacional e o da Vaticana.
A Mostra Internacional de Teatro Universitario, chega á súa 27 edición coa posta en escena, a partir do mércores 23 de abril, de cinco obras a cargo doutras tantas compañías galegas e internacionais. No Teatro da Cidade Universitaria do campus de Vigo, con entrada libre, o público poderá gozar coa representación de obras de autores clásicos e contemporáneos a cargo das aulas de teatro dos campus de Pontevedra, Ourense e Vigo, así como da mexicana Carla Novi e da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Co nihilismo como eixe temático, este luns botaba a andar no Teatro Principal de Pontevedra a XLI Semana Galega de Filosofía, un congreso promovido pola Aula Castelao de Filosofía. Un total de 15 conferencias, abertas ao público, integran o programa dunhas xornadas que se desenvolven ata o venres 25 e teñen como obxectivo 'buscar alternativas' fronte á 'situación de desánimo e desesperanza individual e social' que 'impregna o mundo contemporáneo'.
A 23ª edición do Encontro Universitario de Danza desenvolverase no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo os días 9 e 10 de maio. Ao abeiro da Primavera Cultural da USC, este foro artístico pretende favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de achegar esta disciplina artística ao conxunto da sociedade. A compañía da USC será protagonista nun Encontro que contará tamén coa participación da Aula de Danza do Campus Ourense, a da UVigo e a Aula de Danza da UDC.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES