Noticias

Arranca a nova programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios con 219 novas actuacións escénicas e musicais ata decembro en 40 concellos

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Xunta e as entidades locais asociadas, ofrece de xullo a decembro en 40 concellos galegos un total de 219 novas representacións a cargo de 115 formacións artísticas. Por disciplinas, haberá 181 actuacións de teatro, 14 concertos, 13 funcións de danza, oito de maxia e tres de novo circo. Entre todas elas, 65 están destinadas especificamente a público infantil e familiar. A programación deste segundo semestre arranca en Noia este sábado 19 de xullo co espectáculo de circo A queima da fachada, de Especialistas Hípica Celta. Será ás 22,30 h. na Alameda.

Ademais de Noia, Foz e Betanzos son as primeiras localidades en abrir a segunda parte desta extensa e variada carteleira de espectáculos que, nestes meses de verán se dirixe especialmente a todos os públicos. Así, neste mes de xullo en Foz terá lugar o concerto A Banda dos Insectos o martes 22 e a obra Monstros no camiño de Ghazafelhos o martes 29. En Betanzos a cita será o xoves 24 coa actuación musical Cantares e contares de Tres Pesos.

A actividade da Rede continúa en Foz os martes de agosto cos espectáculos Hoxe toca… maxia de Magia en la Manga (día 5), Cantaxoga de Migallas Teatro (día 12), A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz de Teatro del Andamio (día 19) e Charlatán Rodríguez de Rendos Pequeño (día 26). En agosto tamén haberá concertos, en Redondela o día 2 actuarán The Teta’s Van e en Vilagarcía de Arousa Cristian Silva o domingo 17. Finalmente, o sábado 23 poderá verse en Cee O dragón de ouro de Sarabela Teatro.

Estas actividades do calendario estival combínanse con outros circuítos promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude como Cultura no Camiño ou Danza 3, e forman parte da campaña Para gustos, cultura, coa que a Xunta de Galicia distribúe durante todo o verán máis de 3400 citas de todos os ámbitos artísticos en máis de 200 concellos das catro provincias.

Novidades escénicas e variedade de propostas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén acollerá neste segundo semestre varias estreas. En Ourense, Sarabela Teatro presentará A Metamorfose o 5 de setembro e Redrum Teatro Nas nubes o 15 de novembro. Galeatro e Xarope Tulú estrearán o espectáculo infantil Berenguela na gaiola o 27 de setembro en Carballo, en tanto que Teatro do Noroeste inaugurará Manual de patronaxe o 12 de decembro en Narón.

Entre as compañías con más actividade na programación teatral da Rede destacan Un deus salvaxe, de Talía Teatro, e Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro, con seis funcións cada unha; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con cinco pases; Guerra, de Teatro do Noroeste, con cinco representacións, e Go Home, de Etiqueta Negra Producciones, e As gardiás, de Teatro de Ningures, con cadanseus catro pases. Ademais, Contraproducións estrea en Galicia o 25 de outubro, no marco do FIOT de Carballo, o espectáculo Yo solo quiero irme a Francia, cun elenco formado por María Galiana, Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros.

En canto a espectáculos teatrais dirixidos a público infantil e familiar, figuran cinco pases de Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Bulebule, de Os Náufragos Teatro con catro funcións, ou a compañía Ghazafelhos con Ándale! Bon appétit! e Monstros no camiño, con dous pases cada un.

No apartado de danza, están programadas tres funcións de Coa cabeza nas nubes, un espectáculo de Cía. SÖA que tamén mestura clown e teatro físico. Esta proposta, especialmente dirixido para público infantil, poderá verse o 1 de novembro en Muros, o 2 en Lugo e o 7 en Cedeira. Tamén ofrecerá tres funcións Nova Galega de Danza, que estará con Dique, en coprodución co Centro Coreográfico Galego, o 11 de setembro en Ourense e o 31 de outubro en Lugo, e con Credo, o 18 de outubro na Coruña.

Todo o ano e 560 funcións

Durante este 2025, a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta cun orzamento de máis de 2M € e, ao remate do ano, terá desenvolvido 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias galegas.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, dispón para este ano un orzamento de preto de 1 M€ destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

R., 2025-07-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES