Noticias

Inaugurada no Gaiás a experiencia artística e tecnolóxica máis potente sobre a vida e o pensamento de Castelao

Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, 'Castelao. Mirar por Galicia' aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor. O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a instalación de arte dixital Castelao. Mirar por Galicia, a experiencia tecnolóxico-cultural máis ambiciosa desenvolvida ata o momento sobre a figura do ilustre autor, artista, político e intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia remarcou que este proxecto expositivo, realizado en colaboración coa Fundación Castelao enxalza desde unha perspectiva anovadora “as importantes achegas do intelectual galeguista a partir dun percorrido pola súa vida e a súa obra”, incorporando tanto as súas creacións máis senlleiras como tamén momentos máis persoais que marcaron o seu percorrido vital.

López Campos referiuse a esta experiencia como o primeiro gran proxecto galego de arte dixital que aposta decididamente polo emprego de tecnoloxías como intelixencia artificial xerativa, videomapping, ou realidade virtual co obxectivo de recuperar a figura dunha personalidade histórica tan emblemática da nosa cultura como o intelectual rianxeiro. Castelao. Mirar por Galicia recrea así a súa imaxe e a súa voz, de xeito hiperrealista, a partir dunha ampla base de documentación histórica e arquivos fotográficos e audiovisuais conservados en diferentes institucións.

No acto de apertura da instalación, o conselleiro estivo acompañado polo director artístico do proxecto, Carlos Seijo; o asesor histórico e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez.

Un proxecto feito en Galicia e para Galicia

Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, Castelao. Mirar por Galicia aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura “a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor”, remarcou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

Lembrou así o representante da Xunta de Galicia que na materialización deste proxecto participaron máis de medio centenar de persoas con perfís técnicos e creativos e numerosas empresas, profesionais e institucións galegas, que “proban o potencial do talento galego nun sector emerxente e punteiro como son as artes dixitais”, subliñou López Campos.

O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica, entre outras.

Ademais, contouse coa colaboración de destacadas institucións culturais galegas, que cederon fondos tanto para ser exhibidos na mostra, como no caso das lentes e a pluma estilográfica orixinais de Castelao, que foron cedidas polo Museo de Pontevedra para seren amosadas temporalmente na Cidade da Cultura, como para o seu emprego nas recreacións dixitais, como os fondos da Filmoteca de Galicia, do Consello da Cultura Galega, de Afundación, do Arquivo Pacheco, da Fundación Castelao, da Real Academia Galega ou da Fundación Blanco Amor, entre outros prestadores públicos e privados.

Proxección inmersiva con videomapping

Un dos puntos destacados desta exposición é unha instalación inmersiva con seis proxectores e son cadrafónico para recrear a través de videomapping e dentro dun gran cubo de tea e papel o universo vital, político e artístico de Castelao. Neste espazo, as persoas visitantes terán a oportunidade tamén de volver escoitar a voz de Castelao, grazas a un proceso que conxugou citas orixinais da súa autoría, o traballo de locutores profesionais e intelixencia artificial xerativa a partir da única gravación orixinal que se conserva da súa voz: a mensaxe, en castelán, que el mesmo gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.

Cultura inclusiva e accesible

En liña cos obxectivos da Lei de cultura Inclusiva e accesible de Galicia, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Castelao. Mirar por Galicia incorpora tamén un amplo abano de medidas para achegar esta proposta cultural, sen barreiras, a todo tipo de públicos. Entre elas, atopamos, por exemplo, contidos en lingua de signos, o emprego de textos en lectura fácil, bucle magnético ou, proximamente, contidos en audio para persoas con discapacidade visual.

A mostra, encadrada na programación do Goberno galego con motivo da conmemoración este 2025 do Ano Castelao, poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde, e contará no vindeiro curso cunha oferta didáctica especificamente destinada aos centros de ensino.

R., 2025-06-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES