Notas de prensa

O Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo do 9 ao 10 de maio

A 23ª edición do Encontro Universitario de Danza desenvolverase no auditorio Fuxan os Ventos de Lugo os días 9 e 10 de maio. Ao abeiro da Primavera Cultural da USC, este foro artístico pretende favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de achegar esta disciplina artística ao conxunto da sociedade. A compañía da USC será protagonista nun Encontro que contará tamén coa participación da Aula de Danza do Campus Ourense, a da UVigo e a Aula de Danza da UDC.

A entrada é libre e de balde para todas as representacións ata completar a capacidade do espazo.

A Aula de Danza da Universidade de Coruña, baixo a mediación de Javier Martín, abrirá o programa de representacións o venres 9 de maio, a partir das 20.30 horas, coa creación colectiva hyphē. A seguir, será a quenda de REDes, título da coreografía da Compañía de Danza da USC dirixida por Juan Carlos Zahera, que reúne de novo as tres Compañías de Danza da USC (as de Compostela, Lugo e Sen Vergoña) nunha soa produción que completará o programa da xornada coa coreografía de Rosa Acuña.

Alexandra Clista, Aida García, Noelia Iglesias, Carmen Soriano, Mario Vázquez, Patricia Castro, Alicia Collazo, Iria Estévez, Inés F. Mosquera, Andrea Gil, Alvaro R. Vázquez, Dolores Besteiro, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Beatriz Ovalle, Sabela R. Campo e Victoria Vázquez compoñen o elenco da produción.

O sábado día 10 presentarase ante o público lucense a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa obra titulada Máis tarde, cá cedo con coreografía de Ainoa Lizana. De seguido e rematando o Encontro de Danza da USC, coma a xornada anterior, actuará de novo a Compañía de Danza da USC coa coreografía REDes.

Máis de 300 actuacións

O Espazo de Danza da USC é unha iniciativa pioneira na universidade española e concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións e a súa presenza en mais dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas. A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica actúa como un atractivo complemento académico e formativo, mentres que de cara ao exterior constitúe unha eficaz embaixadora da USC como institución aberta e creativa.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES