
Con catro citas programadas para as 20.30 horas, o ciclo arrancará o luns 2 na praza da Verdura. Á semana seguinte trasladarase á Ferraría e o 16 de xuño terá lugar na praza do Teucro, pechándose esta programación o día 23 cun concerto que reunirá na praza de España máis dun centenar de músicos e músicas.
Protagonismo para as diferentes aulas e grupos
Como explica o director da Área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, o obxectivo desta actividade é dar visibilidade ás aulas e obradoiros que integran a programación cultural de carácter permanente do campus e, á súa vez, servir tamén para estimular ás persoas participantes para tratar de mellorar cada día. Do mesmo xeito, esta programación permitirá tamén coñecer os resultados do novo esquema de actividades culturais da Vicerreitoría, no que as aulas e obradoiros de carácter formativo e abertas á toda a cidadanía vense complementadas pola creación de grupos orientados á actuación, como os de música e baile tradicional, que participarán neste ciclo, ou o recentemente creado grupo de teatro.
Con esa idea, a programación arrancará o luns 2 de xuño, na praza da Verdura, cun concerto no que as e os integrantes do grupo de gaitas e percusión da aula que dirixe Suso Vaamonde interpretarán un repertorio conformado, explica, por pezas tradicionais e populares. Creada en 2017, a aula na que se formaron no presente curso máis de 40 persoas levará o luns 9 este conxunto de muiñeiras, xotas ou pasodobres ata a Ferraría. Nesta segunda cita, estarán acompañados en varias pezas polos participantes no obradoiro de iniciación ao baile tradicional 'Como bailar nun serán', unha actividade dirixida por Montse Rivera que contou no presente curso con 40 matriculados e matriculadas. Previamente, o concerto arrancará coa actuación conxunta dos grupos de música e de baile tradicional, sendo esta a primeira actuación fóra da Universidade da agrupación musical que ten como responsable á gaiteira Marina Fernández Vigo.
Á semana seguinte, a Aula de Música Tradicional estará acompañada en catro pezas polo Coro Universitario Polifónico do campus, unha agrupación dirixida por María Luisa Sánchez que conta con máis dunha trintena de integrantes no presente curso.
Finalmente, este ciclo pecharase o 23 de xuño na praza de España, cun concerto que reunirá máis dun centenar de intérpretes e que se insire á súa vez na programación cultural complementaria do Mundial Multisport. Nel, actuará a aula ao completo, nun formato de orquestra, e farao ademais acompañada pola Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde, de Caldas de Reis, a Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes e as asociacións A Fuliada, de Betanzos, e Hai que Roelo, de Cuntis.
Por outra banda, a Aula de Música Tradicional súmase tamén nestes meses aos intercambios promovidos por estas entidades, de tal xeito que a finais de xuño actuará en Betanzos, en xullo farao na Serra de Outes e en agosto en Caldas de Reis, onde o grupo de acordeóns da aula participaba recentemente noutro intercambio. Ademais, esta formación actuará tamén en Barro en agosto e o grupo de zanfonas farao en novembro nun encontro en Cuntis.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.