Noticias

O Festival Abanea leva 15 funcións de nove compañías de danza contemporánea polas catro provincias galegas

O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.

O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias grazas ao convenio asinado coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia na presentación do programa completo de Abanea 2025 xunto ás responsables do mesmo, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas, ademais dos representantes institucionais dos concellos implicados, entre eles os alcaldes de Ames, José Blas García, e o de Outes, Francisco Calo. A bailarina Andrea Castro presentou durante o acto a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de A mona de seda, a peza de María de Vicente beneficiada no período 2024–2025.

Gran momento creativo

O representante da Xunta eloxiou o gran momento creativo que está a vivir a danza galega hoxe en día, así como a capacidade do Festival Abanea de promover unha carteleira desde a perspectiva das linguaxes híbridas e en espazos abertos para acadar a máxima implicación da cidadanía. “Abanea apela directamente a todos e todas, saíndo ao encontro tanto do público familiar como organizando citas profesionais de interese para o máis especializado”, expresou. Neste último aspecto, resaltou a importancia do Foro sobre distribución nacional e internacional, que terá lugar o 16 de xullo en Ames, tamén no marco do evento, para abordar a proxección exterior da danza galega.

Jacobo Sutil contextualizou o apoio da Xunta a Abanea como complemento doutras accións, “como a posta en marcha do primeiro programa integrado de formación e emprendemento en danza, un proxecto sen precedentes, con sesións de traballo titorizadas e un ciclo de conversas organizado xunto coa Fundación Paideia e a Fundación da Escola de Organización Industrial”. Tamén fixo referencia a logros como o éxito da participación de dúas compañías galegas en Dança Valencia, a escolma por vez primeira de tres espectáculos producidos no país co selo de “recomendados” pola Rede Española de Teatros e Auditorios para todo o ámbito estatal, a práctica total execución do Plan Integral para a Danza de Galicia ou a vindeira organización dun Foco Galicia na Quinzena de Danza de Almada (Portugal).

A danza sae ao encontro co público

O Festival Abanea arrancará esta cuarta edición o mércores 16 de xullo en Ames coa exhibición nos xardíns do Pazo da Peregrina das pezas Alleo, de Colectivo Glovo (Galicia-Portugal), Burnt, da compañía Lasala (Euskadi), e a estrea de A mona de seda, creada por María de Vicente dentro do apoio bienal do festival da edición de 2024-2025.

O xoves 17, Abanea trasládase ao Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira de Broña, no estaleiro de Ciprián de Outes, para amosar Unarys, da compañía Eszer (Chile e Canarias), a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, pola galega Andrea Castro, e Seu aquí, do Colectivo Banquet (Madrid).

Marín recibirá o festival o venres 18 na súa Alameda, onde Kiko López presentará Honest, María de Vicente repetirá A mona de seda e o dúo Qabalum (Pamplona) achegaralle ao público o poema bailado Todo este ruído.

O sábado 19 será a quenda de Foz, onde a contorna do Paseo da Rapadoira acollerá unha programación de espectáculos na que repiten Alleo e A mona de seda, e aos que se suma a produción Quema, coa que a compañía barcelonesa Jacob Gómez realiza unha viaxe introspectiva de dúas almas que revisitan as súas vidas no purgatorio.

Celanova pecha o percorrido desta cuarta edición de Abanea o domingo 20 de xullo na praza Maior mostrando de novo Alleo e a primeira fase de Lola y los lamentos, e presentando Un baile ceibe, versión para rúa do espectáculo de gran formato Ceibe, co que a compañía de Fran Sieira explora o xénero dende o baile tradicional galego.

Unha experiencia participativa e interxeracional

Ademais das exhibicións, Abanea articula diversas liñas de acción para ofrecer experiencias festivas, participativas e interxeracionais, favorecendo o encontro da cidadanía coa danza, ademais de apoiar a investigación e proporcionar espazos para o intercambio profesional.

O festival ten programadas en total 12 actividades de mediación nas distintas localidades entre mesas de traballo, encontros do sector, a realización en directo do podcast Canle Abanea con Carlota Mosquera, obradoiros de danza comunitaria con Paula Quintas, a Discoteca de señoras... e señores tamén!, a nova actividade chamada happening de danza-clown, coa que o performer Martín Blanco animará ao público a integrarse na programación con aparicións sorpresa en diversas localizacións e unha pista de baile aberta ao final de cada xornada.

R., 2025-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (coralinda-elefante-elegante.jpg) Coralinda é unha comedia xestual dirixida a público familiar e infantil. A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, a obra constrúe un universo cómico e poético que transita do realismo á hipérbole da vida cotiá. Unha proposta escénica ao estilo dos debuxos animados que aborda a temática da inmigración e do medio ambiente desde o humor, a poesía visual e a emoción. A obra convida a reflexionar sobre as experiencias das persoas que viaxan lonxe da súa terra.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Foi presentadoo o novo festival Sons de Vigo que se celebrará do 27 de marzo ao 4 de abril no Ifevi. Este evento aposta tanto por grandes nomes do panorama nacional como por artistas locais da escena galega. A presentación, celebrada no Paseo das Avenidas, xunto ao monumento a Julio Verne como un dos símbolos de Vigo, contou coa actuación de Castle e Milutxo, músicos locais que ofreceron varios dos seus temas. Sons de Galicia forma parte da programación dos Concertos do Xacobeo organizados pola Xunta de Galicia, unha iniciativa que impulsa a celebración de grandes citas musicais en Galicia. O ciclo comezará o 27 de marzo con Lingua Urbana, un dos cinco eventos musicais que acollerá o Ifevi dentro desta programación.

Notas

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o xoves 26 de marzo, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro ‘Medios de comunicación: información ou desinformación na era das fake news'.
A Área de Normalización Lingüística da UVigo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, organiza entre os meses de marzo de abril a 3ª edición do ciclo A lingua galega no cinema, que inclúe a proxección dunha decena de pezas audiovisuais entre documentais, curtas, animación e longametraxes. O ciclo arrancará o luns 23 coa proxección, do documental 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', dirixido pola catedrática da UVigo María José Bravo Bosch.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES