Notas de prensa

As aulas teatrais da UVigo combínanse coa presenza internacional na XVI Miteu de Pontevedra

O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.

Arrancará o vindeiro luns 5 cun espectáculo chegado desde a Universidade do Minho, para acoller dous días despois unha obra da artista mexicana Carla Novi. O venres 9 poderá verse unha montaxe das aulas de teatro de Ourense, mentres que o 14 de maio chegará o momento de coñecer a primeira obra do recentemente constituído grupo de teatro do campus pontevedrés, pechando a programación, o venres 16, a aula do campus de Vigo.

Como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, na organización desta XVI Miteu buscouse dotar “dun carácter internacional á mostra”, á vez que servir como espazo para dar a coñecer o traballo das diferentes aulas e grupos da UVigo. Con cinco espectáculos programados para as 20.30 horas, esta mostra insírese nas iniciativas impulsadas ao abeiro do convenio para o fomento de actividades culturais e creativas que Universidade e Concello asinaban o pasado ano. Ademais, co obxectivo de servir como un espazo no que proxectar a programación cultural de carácter permanente que a UVigo desenvolve en Pontevedra, a Miteu contará coa participación do Coro Polifónico do Campus, que ofrecerá un pequeno concerto antes dun destes espectáculos.

Cinco citas co teatro nas dúas próximas semanas

A programación arrancará o luns 5 con Quem é ela?, un espectáculo do grupo Ladrem, da Universidade do Minho. Con dramaturxia de Pedro Galiza, trátase dunha obra dirixida por Ana Marques, que é tamén unha das seis actrices e actores que recrean "a historia dunha Ela, que non ten nome, non ten corpo, pero que está presente nestas seis voces, nestes seis corpos", segundo recolle o texto de presentación deste espectáculo. Dous días despois, o mércores 7 poderá verse Luchadoras, de Carla Novi. Escrita e dirixida por esta artista mexicana, trátase dun “drama social sobre a situación das mulleres na sociedade mexicana e a violencia á que se enfrontan no seu día a día”, que presenta a historia dunha loitadora, que “durante anos non puido avanzar na súa profesión ao non cumprir coas regras sexualizadas da loita feminina”.

O venres 9 chegará a quenda de Ludovico 2.5, do grupo Maricastaña, do campus de Ourense. Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta, trátase dunha obra inspirada libremente na novela A laranxa mecánica de Anthony Burguess, que se presenta como “unha sátira social e unha proposta ao redor da violencia”.

Xa á semana seguinte, o mércores 14 poderá verse Saxo tenor, a montaxe que o Grupo de Teatro de Campus de Pontevedra realizou dunha obra que Roberto Vidal Bolaño estreara coa súa compañía na década de 1990. Baixo a dirección de Jesús Salvador del Río e Omar Ferrín, un elenco integrado por 14 persoas levará o escenario unha obra ten como punto de partida a morte violenta dun mozo, da que dous anos despois búscase coñecer a verdade. Por último, o venres 16, a Miteu botará o pano desta edición coa montaxe que a aula do campus de Vigo realizou de Divinas palabras, de Ramón María del Valle-Inclán. Baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa, unha ducia de actrices e actores dan vida a este “drama protagonizado por seres marxinais”, como recolle o seu texto de presentación.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES