Notas de prensa

A UVigo reivindica 'a teima por imaxinar' de Isaac Díaz Pardo

Poucas figuras teñen deixado tanta pegada no imaxinario colectivo galego como a de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). As súas múltiples facetas como deseñador, ceramista, pintor, empresario e intelectual convertérono nun emblema da identidade cultural galega. Precisamente neste 2025, no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Universidade de Vigo quere renderlle homenaxe e contribuír a difundir o seu traballo e legado. Para facelo, este venres inaugurouse a mostra Isaac Díaz Pardo.

Deseño, memoria e compromiso, impulsada pola Facultade de Deseño e comisariada pola profesora Silvia García. “Coidamos que a sociedade aínda lle debe moito ao seu esforzo vital, á súa teima por imaxinar, poñer en marcha e recuperar entidades que esmorecen. As novas xeracións temos que coidar o compromiso co seu legado”, explica a docente.

A exposición, que se poderá visitar ata o 9 de xullo, comprende libros e catálogos sobre Isaac Díaz Pardo, bocexos de obras, fotografías, documentos persoais, pezas de cerámica, entrevistas, etc. A través de todas elas, a mostra permite facer un percorrido pola súa vida e obra, dende os seus primeiros anos como pintor, pasando polo impacto que tivo o fusilamento do seu pai, ata a viraxe cara o deseño e a posta en marcha de Cerámicas do Castro, a recuperación de Sargadelos, e finalmente, unha última etapa, na que estivo apartado das súas empresas e iniciativas.

Protexer o seu legado

A comisaria explicou que, ademais de comprender ese “transcurso vital de Isaac” o que se busca con esta mostra é “facer unha exposición pedagóxica que poida ser visitada por centros escolares para dar a coñecer algo da vida e do inmenso traballo de Díaz Pardo”. E é que como destacaban tanto García como Carolina Díaz, neta maior do creador, o seu legado está en perigo, sen unha fundación que o protexa e xa moi diluído entre as novas xeracións. Ademais, engadía García, “como profesora dunha Facultade de Deseño, teño moito interese en que todos estes arquivos estean dispoñibles para que se poida seguir investigando e facendo tese e proxectos arredor de Díaz Pardo”.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, reivindicou a “figura xigante de Díaz Pardo, que debe estar na memoria de todos os galegos e galegas, porque se queremos unha sociedade e unha universidade plenamente galega e universal, temos que coller o exemplo dunha persoa que foi universal, que o deixou todo para voltar a Galicia e poñer en marcha iniciativas que nos fan mellores como sociedade e que foron, non só inspiradoras, senón tamén competitivas”.

Neste senso, a súa neta maior, ademais de lembrar momentos da súa infancia, debuxando co seu avó no seu despacho, tamén quixo reivindicar o seu galeguismo, pero non só o ideolóxico, senón tamén o empresarial. “Niso tamén foi pioneiro”, destacaba Díaz, demostrando que este tipo de emprendemento ligado á terra e á cultura “pode triunfar e ser competitivo, rozando a utopía, pero transformándoo en realidade”. De feito, tamén puxo en valor o que cualificou como “o gran triunfo anticapitalista no capitalismo, que foi conseguir reinvestir os beneficios económicos en labor cultural e intelectual, e iso foi algo moi pioneiro”. Con todo, lembraba a súa neta, a pesar de todos estes éxito, el víase como un fracasado, por tantas ideas que non conseguiu levar a cabo, “porque tiña tantas, que precisaría tres vidas máis para facelas todas realidade”.

Da pintura a converterse nun transformador das artes galegas

A mostra percorre a traxectoria de Díaz Pardo e comeza coa primeira etapa como pintor tras estudar Belas Artes, da que se amosan varias fotografías, e que deixou paso ao seu interese polo deseño industrial, “canso de pintar a vida burguesa e os ricos do país”, como deixou escrito en O meu cabalete, texto que se pode ver na mostra. Rachou entón con esta faceta para montar o seu primeiro estudo de cerámica e poñer en marcha en 1949 Cerámicas do Castro. A mostra acubilla algunhas pezas iniciais dunha “primeira etapa figurativa”, moi diferentes do que logo serían os sinais de identidade do Castro. Tras o éxito desta iniciativa empresarial e xunto con Luis Seoane creou o Laboratorio de Formas como un instrumento para revitalizar a identidade cultural galega a través de diferentes iniciativas que integraron cultura, industria, memoria, arte e deseño e cuxo maior logro foi a recuperación da fábrica de Sargadelos. Todo sen deixar de lado a creación de Edicións do Castro, algúns de cuxos libros se mostran nesta exposición e que permitía publicar investigacións e ensaios “sobre o pasado e o exilio”; a Escola Libre de Cerámica; as Galerías Sargadelos, convertidas en verdadeiros centros culturais, ou Instituto Galego de Información.

E é que como se destaca no catálogo da exposición, “o deseño contemporáneo en Galicia non se pode entender sen o traballo levado a cabo por Isaac Díaz Pardo ao longo da súa vida”. As iniciativas emprendidas xunto con Luis Seoane e outros exiliados para poñer en marcha o Laboratorio de Formas de Galicia como un “artefacto conceptual” que amparou numerosos proxectos culturais e empresariais “son fundamentais para comprender o deseño galego da última metade do século XX”. O seu traballo permitiu “anovar a iconografía da identidade galega e crear o seu máis importante ecosistema cultural cunha iniciativa privada que procuraba a recuperación do patrimonio intelectual dos exiliados” pero sen deixar de lado a “investigación e innovación dos futuros deseñadores e artistas”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European ResearchersÂ’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES