
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, participaron xunto con Cendón na inauguración dun evento que engloba un conxunto de relatorios dirixidos a afondar nese estado de ánimo da sociedade contemporánea desde as perspectivas da filosofía política, a ética, a ontoloxía, a memoria, a psiquiatría ou a antropoloxía. Baixo o título de Filosofía e nihilismo, esta programación pon o foco, como sinalou Lantarón, nun concepto que resoa profundamente na nosa sociedade, que se enfronta en ocasións ao desánimo caracterizado pola falta de valores e de horizonte. Ao longo desta semana, abordaranse estas inquedanzas, buscando ofrecer visións alternativas que axuden a confrontar e superar esta desesperanza, engadiu Lantarón, que incidiu en que para atopar solucións é fundamental definir os problemas aos que debemos enfrontarnos. Nesta mesma liña, Fernández Lores subliñou que, lonxe de ser unha reliquia académica, a filosofía é unha necesidade, hoxe máis que nunca, nun tempo no que todo semella moverse sen rumbo, as verdades son esquivas e os valores colectivos tremen.
A vicerreitora lembrou tamén que a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía mantense desde 1996, o que reflicte o noso compromiso con achegar á filosofía á sociedade. Esta colaboración, salientou, vai máis aló dun evento con máis de 40 anos de traxectoria, posto que Vicerreitoría e Aula Castelao traballan tamén na organización dunha xornada de pensamento e creación que terá lugar no mes de outubro.
Alternativas para fuxir do nihilismo
Como lembrou Cendón, a Semana Galega de Filosofía é un congreso internacional de pensamento, que neste 2025 busca reunir diferentes alternativas para fuxir do nihilismo, a través das achegas tanto de filósofos e filósofas, como de académicos e profesionais de aámbitos como a psiquiatría, a antropoloxía ou as artes.
A programación desta XLI Semana Galega de Filosofía botou a andar este luns cunha conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Luís García Soto, ao que toma ao relevo esta tarde o profesor de Filosofía da Universidade de Vigo Brais González Arribas, cun relatorio titulado Do entoar: unha ontoecoloxía relacional e nihilista. Esta primeira xornada pecharase cun relatorio da psiquiatra e investigadora Laura Martín López-Andrade, centrado na saúde mental.
A medicalización do malestar, a deriva reaccionaria diante da incerteza, a crise ecolóxica ou os tecno-imperialismos forman parte das cuestións a abordar ao longo desta semana, no marco dunha programación estruturada en tres bloques. Con cinco relatorios programados para as 10.30 horas, o bloque matinal reunirá diferentes académicos e académicas, mentres que o da tarde conecta, ás 17.00 horas, o eixe temático desta edición coa realidade de Galicia, pechándose cada xornada cunha conferencia ás 20.00 horas, de carácter máis divulgativo. Do mesmo xeito, co propósito de achegar as visións de xente de lonxe, que botase luz sobre o noso presente desde ópticas afastadas do eurocentrismo, salientou Cendón, este foro contará, entre outras, coas achegas do profesor da Universidad de Buenos Aires Nestor Kohan e da escritora mozambicana Paulina Chiziane, responsable de impartir o venres 25 a lección de clausura.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.