Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

A Consellería de Sanidade acolleu unha nova reunión do Consello técnico asesor en intelixencia artificial e espazo de datos do sistema público de saúde galego na que diferentes especialistas analizaron o novo regulamento europeo de datos sanitarios. Os expertos que compoñen o Consello técnico asesor avaliaron tamén as implicacións que terá a nova regulamentación europea especialmente no desenvolvemento de produtos e tecnoloxía do ámbito sanitario. O Espazo europeo de datos sanitarios establecerá un marco de gobernanza para o uso de datos sanitarios electrónicos.
Co MamoRisk búscase facer un cribado en función da predición do risco persoal e non só por un criterio de idade. A tal efecto, Galicia liderará esta iniciativa que se vai desenvolver en principio en 14 comunidades autónomas e na que participarán 10.000 mulleres que pasaran polos cribados de cancro de mama, das que polo menos 4.000 serán galegas. O financiamento deste proxecto de prevención dirixida e de detección temperá, que terá unha duración de dous anos, acada os 1,2 millóns de euros procedentes de fondos europeos a través do Instituto de Saúde Carlos III. A implantación desta iniciativa implica unha colaboración de profesionais da saúde pública, oncoloxía, radioloxía, enfermería, epidemioloxía e xenética.
O Instituto IES Maximino Romero de Lema, na localidade coruñesa de Zas, presentou a súa aposta pola innovación educativa por parte dos dous docentes deste centro que son autores do primeiro manual escolar de intelixencia Artificial en Galicia. Editado por Medulia, o manual Intelixencia artificial para a sociedade propón un achegamento a estas novas tecnoloxías desde unha visión clara e pedagóxica. Inclúe tanto a perspectiva teórica, cun repaso sobre a evolución da disciplina, como múltiple supostos prácticos con información arredor das principais ferramentas neste eido e as súas posibilidades de aplicación. O libro reflexiona, así mesmo, sobre os desafíos éticos, sociais e legais da intelixencia artificial.
Os centros educativos galegos ofrecerán por primeira vez campamentos gratuítos de balde para as familias. Trátase do novo programa Dixicamp, que contará con máis de 9.000 prazas gratuítas e cuxa temática se centrará na mellora das competencias dixitais do alumnado. Este programa, dirixido ao alumnado de entre 9 e 17 anos, ofrecerá estadías en quendas dunha semana de duración que terán lugar desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, é dicir, coincidindo co período de vacacións escolares, cando os centros abrirán para acoller esta iniciativa. Estes campamentos estarán atendidos por profesionais especializados en competencias dixitais contratados especificamente.
A idade é a principal condicionante da evolución da modernización tecnolóxica nas áreas do rural de Galicia nas que, por primeira vez, a contratación de internet de banda larga acadou o 90,3% en 2023, segundo se desprende dos datos incluídos no informe que ven de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). A contratación de internet de banda larga medrou dende un 69,4% en 2016 ata o 90,3% de 2023, o que implica un crecemento de máis dun 30%. A porcentaxe achégase cada vez máis a media de Galicia, que está nun 94,3%, o que indica que se está a reducir a fenda entre os ámbitos rurais e urbanos.
O Consello da Xunta deu luz verde ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 que conta como novidades cunha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que servirán para predicir as necesidades asistencias derivadas de infeccións respiratorias agudas. Así, Galicia será pioneira na posta en marcha deste plan para afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. O plan suporá un investimento extraordinario de 8 millóns de euros en persoal, que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que agora será remitido ao Parlamento. Deste xeito, salientou que, 'Galicia convértese na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, primeiro na administración e logo en toda a sociedade'. O obxectivo, tal e como resaltou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, é garantir un desenvolvemento e unha utilización da intelixencia artificial 'ética, segura, fiable e centrada nas persoas'. 'Dotamos á comunidade dun marco xurídico estable que de certezas e blinde dereitos', engadiu.
O Galiverso, proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, estrea unha nova experiencia que achega ao público marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas de Galicia nos que a pedra é a protagonista. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do novo Galiverso no corazón da pedra, que pode visitarse a partir desta tarde na Cidade da Cultura e do que tamén poderá gozar o público que esta fin de semana se achegue a Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O expositor da Consellería de Educación foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da IA, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional.
Celebrouse un acto divulgativo sobre o desenvolvemento dun corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade de hidróxeno renovable no que colabora o Goberno galego. O obxectivo desta iniciativa que leva por nome Hi MOV é o de impulsar en Galicia e Portugal unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde. O acto tivo lugar nas instalacións do Cetmar en Vigo e serviu para que os socios do proxecto compartiran experiencias e propostas. Participan no proxecto o CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), outros tres centros tecnolóxicos como EnergyLab, PIEP e CEiiA, e as universidades de Santiago de Compostela, Minho e Porto.
« Anterior | 10  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

O proxecto AVIA (Algoritmo de Validación de Independencia e Autonomía), enmarcado dentro do proxecto LABIC, continúa sumando recoñecementos polo seu enfoque innovador no coidado das persoas maiores e a aplicación da IA en saúde. Así, vén de obter a condición de finalista no concurso de innovación do distrito de Shibuya (Tokio), e no “Silver Economy Forum” de Arxentina.
A Universidade de Vigo activaba recentemente no campus de Lagoas-Marcosende unha nova rede experimental de comunicacións móbiles avanzadas que permitirá desenvolver e validar tecnoloxías 5G avanzado e 6G en contornas reais. Esta infraestrutura, presentada hoxe nun acto celebrado no edificio Redeiras, converte o campus nun laboratorio aberto e flexible, preparado para afrontar os desafíos da conectividade do futuro e apoiar proxectos científico-tecnolóxicos de alto impacto.
AddVenture abre o prazo de inscrición para a súa cuarta edición, un programa universitario de emprendemento e innovación baseado en formación práctica e mentoría aplicada para aquelas persoas que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio ou ao seu proxecto emprendedor. A iniciativa está impulsada polo Consello Social da UDC e o da USC coa colaboración de TeamLabs, laboratorio de aprendizaxe en emprendemento da Mondragon Unibertsitatea.
O proxecto estratéxico CIBERECO, liderado pola directora científica de ECOBAS e catedrática da USC María Loureiro, culmina o vindeiro 25 de febreiro coa celebración do CIBERECO Lab no Edificio CINC da Cidade da Cultura. A vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, e o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridade-INCIBE, Félix Barrio, participarán ás 9.30 horas na benvida institucional do CIBERECO-Lab xunto coa directora do proxect.
Case 400 rapaces participaron no campus de Ourense na IX Feira eXXperimenta en Feminino, a cita anual coa divulgación científica e co fomento da igualdade no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), froito do compromiso da UVigo, que quere contribuír a rachar coa falta de referentes femininos científicos neste eido e coa desproporción entre homes e mulleres.
A produtividade nas empresas vese beneficiada cando a IA complementa ás persoas e os procesos, pero esmorece cando non existe un redeseño no fluxo de traballo. Así queda reflectido no informe especial sobre a economía galega que publica anualmente o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e que nesta ocasión analizou o papel da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto no emprego.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Orlando Rodrigues, presidente do Instituto Politécnico de Bragança (Portugal), e os seus equipos reuníronse este xoves no campus de Ourense co obxectivo de continuar dando pasos para a creación do futuro laboratorio ibérico en ciencias alimentarias, o Iberian FoodTec Lab. No ano 2022, na XXXIII Reunión Luso-Española celebrada en Viana do Castelo (Portugal), os gobernos dos dous países acordaron a creación deste laboratorio.
A Coruña acollerá en outubro o principal congreso dedicado á dixitalización, o uso dos datos e a transformación do servizo público de Xustiza, 'DATAfórum Xustiza 2026', no que persoal experto, institucións e empresas reuniranse para debater os desafíos do ecosistema xudicial na era dixital. O evento está organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello da Coruña.
Máis aló dos coñecementos clínicos, a comunicación médico-paciente é unha das competencias clave para unha atención sanitaria de calidade, o que require que o persoal médico conte con habilidades comunicativas e capacidade de empatía. Co propósito de que os futuros profesionais poidan traballar estas habilidades, docentes das universidades de Vigo e Salamanca desenvolveron un innovador proxecto que propón o uso de IA xerativa como ferramenta para adestrar estas habilidades nunha contorna simulada.
O campus de Ourense acolleu a conferencia 'Illa de calor e incendios: unha aproximación dende a teledetección', ofrecida por José Sobrino, catedrático da Universidade de Valencia, experto en teledetección e líder da fase de consolidación da misión térmica Sirius da Axencia Espacial Europea. O acto estivo organizado polo Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES