Notas de prensa

O CIM lidera un consorcio internacional para acelerar o despregamento sostible da enerxía das ondas na área atlántica europea

O Centro de Investigación Mariña da UVigo coordina unha ambiciosa iniciativa transnacional que busca impulsar o despregamento sostible de sistemas de enerxía undimotriz na área atlántica, concretamente nas costas de España, Portugal, Francia e Irlanda. Bautizado como AWESDI, o proxecto pon o foco nas rexións costeiras destes países, xa que comparten un gran potencial da enerxía xerada polas ondas.

A diferenza de iniciativas anteriores, AWESDI adoptará un enfoque sistémico para garantir que as solucións non só sexan tecnicamente viables, senón tamén comercialmente factibles, socialmente inclusivas e respectuosas co medio ambiente.

Cun orzamento total de 2,45 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Atlantic Area, AWESDI está liderado polo grupo EphysLab e desenvolverase entre 2026 e 2028 coa participación de 12 socios do arco atlántico europeo, incluíndo universidades, institutos de investigación, axencias públicas, agrupacións industriais e pemes innovadoras.

Unha fonte de enerxía con gran potencial

A enerxía das ondas é un recurso cun enorme potencial en Galicia e en toda a rexión do Atlántico. A súa densidade de potencia é maior que a eólica e solar mariña, o que permite xerar máis enerxía ocupando menos espazo. Ademais, presenta menor variabilidade e maior predictibilidade, polo que pode complementar estas fontes, contribuíndo a unha rede eléctrica máis estable.

A pesar de que o seu desenvolvemento tecnolóxico aínda non acada o nivel doutras enerxías renovables, os avances recentes fixeron que o seu custo nivelado sexa máis competitivo. A colocación de dispositivos de captación da enerxía das ondas tamén contribúe á protección costeira ao reducir a altura das ondas e mitigar a erosión e os efectos das tormentas.

O IP do proxecto e investigador do grupo EphysLab do CIM, Moncho Gómez Gesteira, considera que “debemos ter en conta que a enerxía undimotriz atópase hoxe nun nivel de desenvolvemento tecnolóxico intermedio, é dicir, con dispositivos probados en contornas relevantes pero aínda lonxe da súa plena comercialización. A súa potencialidade futura é moi elevada, dado que Galicia e outras rexións atlánticas incluídas no proxecto dispoñen dun recurso abundante, previsible e concentrado, o que podería contribuír de maneira decisiva á diversificación da matriz enerxética e á redución da dependencia de fontes fósiles”. Para o investigador, “este é precisamente o principal obxectivo de AWESDI, a aceleración de proceso de desenvolvemento de enerxía undimotriz, de forma que poida acadar una porcentaxe relevante do mix enerxético na seguinte década”.

Enfoque integral e coordinado

Entre os seus principais obxectivos de AWESDI está impulsar este tipo de enerxía na rexión do Atlántico norte mediante un enfoque integral e coordinado, combinando investigación, innovación tecnolóxica e desenvolvemento sostible. Para iso, o proxecto establecerá un marco estratéxico dos actores máis relevantes que permitirá compilar, organizar e intercambiar o coñecemento necesario para a súa implementación de maneira harmonizada, aproveitando as capacidades, infraestruturas e experiencia existentes na rexión.

Ademais, porase un marcha un sistema de coñecemento aberto sobre enerxía undimotriz, que reunirá datos científicos, técnicos e regulatorios e desenvolverá unha metodoloxía de avaliación holística capaz de identificar os lugares máis prometedores para a instalación de sistemas de enerxía das ondas, avaliando de maneira integrada os seus impactos socioeconómicos e ambientais. A iniciativa tamén implementará proxectos piloto en colaboración con pemes innovadoras, tanto en alta mar como na costa, deseñados para demostrar a viabilidade de novas tecnoloxías e solucións adaptadas ás necesidades das comunidades costeiras.

Ademais, AWESDI fomentará a transferencia de tecnoloxía e coñecementos, a concienciación pública e o desenvolvemento de capacidades, garantindo a adopción efectiva das estratexias desenvolvidas. Como resultado final, o proxecto elaborará unha folla de ruta conxunta para o despregamento sostible da enerxía undimotriz no Atlántico europeo, incluíndo recomendacións técnicas, regulatorias e socioeconómicas, así como estratexias específicas de explotación segundo tecnoloxía e localización. Todo iso permitirá acelerar a creación dun mercado cohesionado, escalable e innovador de enerxía undimotriz, contribuíndo ao desenvolvemento sostible e a unha transición enerxética xusta na rexión do Atlántico norte.

Consorcio internacional de excelencia

O consorcio, liderado polo CIM, reúne a entidades de prestixio como a Université Le Havre Normandie (Francia), a Faculdade de Engenharia da Universidade do Porto (Portugal), a agrupación industrial Pôle Mer Bretagne Atlantique (Francia), o Marine Institute (Irlanda), a Atlantic Technological University – Killybegs Marine Clúster (Irlanda), a empresa tecnolóxica GEPS Techno (Francia), EW Portugal – Wave Energy Solutions (Portugal), a o Instituto Enerxético de Galicia- Inega (España), a Fundación para a Pesca e o Marisqueo - Fundamar (España), Bretagne Développement Innovation (Francia) e o centro de investigación MaREI – University College Cork (Irlanda). A diversidade de socios asegura unha colaboración transnacional e intersectorial que combina excelencia científica, innovación empresarial e experiencia institucional para garantir o éxito do proxecto.

No ámbito galego, a colaboración co Inega é valorada moi positivamente por Moncho Gómez Gesteira que considera “fundamental para garantir o éxito e o impacto real da iniciativa”. Concretamente, explica, “o CIM achega coñecemento científico de vangarda, capacidade de modelización e análise” e, pola súa banda, o instituto “representa o vínculo directo coa administración pública, asegurando que os resultados teñan aplicación práctica nas políticas enerxéticas e contribúan á toma de decisións estratéxicas”. Esta colaboración permite, recalca o investigador, “combinar a excelencia académica coa capacidade de implementación institucional, potenciando a transferencia de coñecemento, a innovación tecnolóxica e a creación de ferramentas útiles para avanzar cara a unha Galicia máis sustentable e resiliente fronte ao cambio climático”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES