Noticias

As universidades do suroeste europeo, a Xunta e NTT Data porán en marcha un Laboratorio TIC en Galicia

A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron unha proposta de colaboración para a posta en marcha dun Laboratorio TIC en Galicia, que se constituiría como unha plataforma de servizos avanzados para desenvolver, entre outros, proxectos de dixitalización emblemáticos. O Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda.

O reitor Antonio López presidiu o acto institucional de presentación, que se desenvolve no Reitorado da USC no Colexio de San Xerome. O reitor estará acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da UDC e secretario xeral de CRUSOE, Ricardo Cao; o presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica de CRUSOE, Salustiano Mato, e o director científico da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, Juan Castro. A delegación da multinacional xaponesa estará formada por Kenichi Kawashima, Tomoe Nakano e Ayaka Goto, que estarán acompañados polos responsables de NTT DATA no Noroeste de España (Galicia e Asturias), Alberto Borrego e Pablo Manzano.

Laboratorio TIC

O Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda, que permitirá desenvolver proxectos emblemáticos de dixitalización en distintos ámbitos como o medio natural ou cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela.

O laboratorio podería estender o seu ámbito de actuación á macrorrexión do suroeste europeo, grazas ao acordo de colaboración alcanzado en decembro de 2023 por CRUSOE e os gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para desenvolver un programa cuxo obxectivo principal é impulsar a reactivación económica e a xeración de emprego, aproveitando os recursos do patrimonio cultural e natural do sur de Europa.

Así, impulsaría proxectos dixitais nas catro comunidades autónomas que permitan un impacto positivo no desenvolvemento económico, a diversidade cultural, a creatividade, a innovación e a resiliencia económica de todos os territorios. Así mesmo, no ámbito da formación e, a través da colaboración coa rede de universidades de CRUSOE, búscase fomentar as capacidades de capital humano con estudos de posgrao internacionais, como un Erasmus + coa UNAM de México e a Universidade de Toquio, co obxectivo, entre outros, de promover ata 100 novas spinoffs vinculadas ao Laboratorio TIC.

Cátedra

O acto institucional deste venres dálle continuidade á colaboración entre CRUSOE, a Xunta e a multinacional xaponesa, a través da Cátedra Institucional no ámbito da dixitalización, creada en marzo de 2023. A creación da Cátedra, impulsada pola Xunta, CRUSOE e NTT DATA, permitiu formalizar diversas propostas de participación en proxectos europeos, e a posta en marcha do Mestrado Interuniversitario de Patrimonio Cultural Dixital que este curso comezou a súa segunda edición na USC e a UDC.

A partir do ano 2025, preténdese establecer un acordo no que desde a Cátedra se articulen actividades docentes no ámbito universitario e de FP dual que permitan a introdución das novas técnicas en dixitalización na formación. Así mesmo, impulsarase a investigación e a innovación. A Cátedra será o marco no que se preparará a posta en marcha da unidade mixta que permitirá crear o laboratorio TIC en novas tecnoloxías da dixitalización.

R., 2024-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES