Noticias

Galicia presenta por primeira vez na Feira SIMO de Madrid o seu modelo educativo de éxito

O expositor da Consellería de Educación foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da IA, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a Feira SIMO Educación 2024, un dos eventos máis importantes no ámbito da tecnoloxía para os profesionais do ensino en España con máis de 9.000 visitantes, onde por primeira vez a Xunta instala un stand para amosar o modelo educativo galego de éxito acreditado polos seus resultados.

O representante da Xunta de Galicia, ademais de coñecer toda a oferta tecnolóxica das empresas e entidades participantes e poder dialogar con profesionais e expertos nesta 10ª edición da feira que se celebra en Ifema, tamén mostrou o traballo que se fai desde o Goberno galego en materia de educación. “O sistema educativo galego é un referente a nivel nacional e internacional, algo que indican os principais indicadores comparativos”, sinalou Román Rodríguez.

Galicia atópase entre as comunidades que máis inviste por alumno, foi capaz de reducir a mínimos o abandono escolar e mellorou resultados académicos sendo líderes en ciencia, pensamento creativo e equidade. Así mesmo, é a comunidade que mellor garante a igualdade de oportunidades entre o alumnado, a que ten unha das mellores rateos alumno/profesor, así como o mellor nivel de inglés de todas as comunidades.

Neste sentido, o titular de Educación afirmou que se está a vivir “unha dinámica progresiva, pero non nos podemos conformar, pois debemos avanzar na calidade, na equidade e na igualdade de oportunidades”.

Ágora Dixital, Nova Arquitectura, Polos Creativos...

O expositor da Consellería de Educación, que está atendido por profesionais da Consellería, foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da intelixencia artificial, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional, que posibilita unha matrícula récord.

Ademais, están a realizarse demostracións en directo dos proxectos Galiverso, no que se emprega a realidade virtual con fins pedagóxicos; Ágora Dixital, unha plataforma de recursos dixitais a disposición dos docentes para axudalos a desenvolver o seu labor na aula con propostas de aprendizaxe innovadoras e experimentais, e cREAgal, unha iniciativa que permite avanzar na ensinanza híbrida con materiais dixitais adaptados aos currículos educativos galegos e na que hai recursos gratuítos deseñados por un cento de docentes.

Para completar a participación do Goberno galego nesta feira educativa, representantes da Consellería interveñen en conferencias e mesas redondas que se celebran. É o caso da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que participa na conferencia Datos e intelixencia artificial en educación, para analizar a importancia destas ferramentas á hora de mellorar a toma de decisións en educación.

R., 2024-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES