Noticias

O Plan sanitario galego de inverno inclúe por primeira vez unha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático para predicir necesidades asistencias

O Consello da Xunta deu luz verde ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 que conta como novidades cunha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que servirán para predicir as necesidades asistencias derivadas de infeccións respiratorias agudas. Así, Galicia será pioneira na posta en marcha deste plan para afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. O plan suporá un investimento extraordinario de 8 millóns de euros en persoal, que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta deu luz verde ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 que “conta como novidades cunha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que servirán para predicir as necesidades asistencias derivadas de infeccións respiratorias agudas”.

Así, Galicia será pioneira na posta en marcha deste plan para “afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias”, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. “O plan suporá un investimento extraordinario de 8 millóns de euros en persoal, que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación”, indicou Rueda.

Estas infeccións respiratorias agudas, especialmente a gripe, implican un aumento da carga asistencial no Servizo Galego de Saúde e na utilización dos seus recursos humanos e materiais. Por iso, o plan, elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde permitirá optimizar os recursos en función da situación epidemiolóxica de cada momento.

Para anticiparse, a Xunta crea unha rede de vixilancia de farmacias sentinela, con 70 oficinas, que, tal e como apuntou o presidente do Goberno galego, “informarán de forma semanal das dispensacións de medicamentos antigripais e de tests de antíxenos”. Isto permitirá analizar estas dispensacións comparándoas coa taxa de consultas por infeccións respiratorias agudas en atención primaria e coa taxa de ingresos hospitalarios con gripe confirmada.

Do mesmo xeito, os sistemas de información empregados na vixilancia epidemiolóxica contarán cos rexistros semanais de consultas por infeccións respiratorias agudas (ademais de gripe e covid, tamén larinxite e amigdalite agudas, bronquite, pneumonía bacteriana e viral ou bronquiolite, entre outras). Así mesmo, incorporarase un novo modelo matemático que “permitirá detectar os cambios na epidemia de gripe con dúas semanas de antelación, baseado na Intelixencia Artificial”, explicou Rueda.

Con este plan, as sete áreas sanitarias contarán con recomendacións homoxéneas de medidas que se deben adoptar, tanto transversais como específicas, en función do escenario en que se atopen segundo a presión de urxencias e a ocupación da hospitalización. “O Servizo Galego de Saúde dispón de capacidade para ampliar o número de camas de hospitalización, en caso de ser necesario, en máis de 600”, lembrou.

A análise epidemiolóxica que se obtén de forma anticipada grazas aos modelos de predición “permite planificar a mobilización de recursos e optimizar procesos asistenciais”, especialmente nas áreas de urxencias hospitalarias, hospitalización e actividade cirúrxica.

Importancia da vacinación

Entre as medidas de prevención previstas pola Xunta no Plan sanitario galego de inverno está a campaña de vacinación estacional en que, nesta temporada 2024-2025, o investimento autonómico ascende a 11.372.772 euros. A compra de vacinas fronte á gripe supera os oito millóns de euros e o anticorpo monoclonal fronte ao VRS, os 3,2 millóns.

Desde setembro, o Goberno galego está a vacinar a poboación albo de forma progresiva en función da súa vulnerabilidade e idade. A pasada fin de semana ofreceuse nos hospitais galegos unha nova oportunidade para que nenos e nenas se protexan fronte á gripe e, para a poboación adulta, continúan abertos os centros de vacinación masiva.

Tal e como apuntou Alfonso Rueda, nestes momentos “xa foron vacinadas fronte á gripe máis de 615.000 persoas”, polo que animou a seguir inmunizándose contra este virus para evitar posibles complicacións. O obxectivo desta campaña é acadar un 75 % de cobertura en maiores de 65 anos e, neste momento, esa porcentaxe supera o 62 %. En canto ás persoas maiores de 80, a cobertura acada xa o 80 % e, no referente a nenas e nenos, Galicia supera o 56 % de vacinados.

Anticipación no sistema sanitario público

Galicia ten un sistema sanitario público sólido, dotado con 5.458 millóns de orzamento en 2025 e cos recursos humanos necesarios, máis de 43.700 profesionais, para garantir a protección da saúde dos galegos en todo o territorio e en todas as circunstancias.

Con anticipación e prevención, a sanidade pública galega foi capaz de facer fronte con éxito a un verán que se prevía complicado pola falta de profesionais sanitarios para cubrir as vacacións. Seguindo ese modelo, a Consellería de Sanidade deseñou este Plan de inverno para garantir a mellor cobertura sanitaria na tempada invernal, preparando todo o sistema para afrontar a vaga de gripe e as infeccións respiratorias. Deste xeito, a sanidade pública volve redobrar esforzos para salvagardar a saúde dos galegos mantendo a máxima calidade asistencial.

R., 2024-12-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES