//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
O Proxecto Xenoma Galicia botará a andar a vindeira semana co envío de SMS de citación a 2.000 persoas no marco da fase piloto. Trátase dun conxunto de cidadáns seleccionados para conformar unha mostra representativa da poboación galega na súa diversidade, contando con persoas dos dous sexos, de diferentes franxas de idade e residentes en distintas contornas, tanto rurais como urbanas. Logo desas citacións, no mes de decembro, procederase á toma de mostras de sangue do primeiro grupo de 1.000 participantes, nun proceso que se desenvolverá de xeito simultáneo nos 14 hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.
Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos. Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.
A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron unha proposta de colaboración para a posta en marcha dun Laboratorio TIC en Galicia, que se constituiría como unha plataforma de servizos avanzados para desenvolver, entre outros, proxectos de dixitalización emblemáticos. O Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda.
A través do programa PIMA Eventos Adversos, e cun investimento de máis de 450.000 euros, incorporaranse á extensa rede de observación de MeteoGalicia, un conxunto de sensores específicos para medir novas variables atmosféricas. Así, ademais dos modelos de previsión actuais, contarase con medidas reais sobre a estrutura vertical da atmosfera, cuxo coñecemento é fundamental, por exemplo, á hora de deseñar a mellor estratexia para a extinción dun incendio forestal. Ademais, a aplicación de técnicas de intelixencia artificial permitirá o cruzamento de datos co que se obterá máis información sobre o comportamento de fenómenos como vagas de calor, inundacións, períodos de seca, etc.
A capital de Galicia prepárase para acoller, entre os días 19 e 24 de outubro, a elite científica en Intelixencia Artificial. A celebración da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024) -o congreso máis importante de Europa no ámbito, e un dos tres de referencia en todo o planeta- converterá Compostela en capital mundial da IA; un evento de extraordinaria magnitude que conta xa con máis de 1.600 persoas rexistradas procedentes de todo o mundo, situando a cidade como un referente internacional no campo das tecnoloxías intelixentes. Paralelamente ás intensas labores de coordinación como institución responsable deste encontro, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) programou a 'Semana da cidadanIA', unha serie de encontros abertos co obxectivo de aproveitar a oportunidade histórica desta conferencia para achegar a IA ao público xeral.
O congreso ofrece na Cidade da Cultura presentacións da man de expertos internacionais da materia e varias mesas redondas con investigadores, administracións públicas e empresas, nas que se discutirá sobre o estado destas tecnoloxías e as súas aplicacións na industria. En concreto, as conferencias abordarán temas como os retos actuáis das tecnoloxías cuánticas ou como salvar a fenda entre a investigación nestas tecnoloxías e a súa aplicación na industria. Pola súa banda, as mesas redondas versarán sobre iniciativas públicas para fortalecer este ecosistema en España e Europa, fomento do emprendemento ou as oportunidades de financiamento en tecnoloxías cuánticas.
O novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas. Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. Deste xeito, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España. O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída de 5.800 metros cadrados, que cumpre con todos os requirimentos imprescindibles para o seu funcionamento.
O Sergas potenciará o uso da intelixencia artificial para mellorar a saúde dos galegos, levándoa a novos campos como á imaxe de anatomía patolóxica ou para a detección da retinopatía diabética en tempo real. O vindeiro ano vaise empregar a intelixencia artificial na imaxe de anatomía patolóxica, unha vez que neste ano 2024 xa se adquiriron os escáneres para dixitalizar as mostras, nos que se investiu 4 millóns de euros, xunto coas estacións de diagnóstico, ás que se destinou 1 millón de euros. Tamén se adquiriron un total de 184 ecógrafos ultraportátiles con intelixencia artificial integrada.
O Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 ten entre os seus obxectivos acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia; a coordinación dos sistemas de I+D+i e dos recursos dispoñibles, favorecendo a colaboración público-privada; a coordinación da Comunidade Autónoma nos plans e programas nacionais e internacionais, o fomento da innovación e da súa xestión e a medición e avaliación dos resultados acadados en relación cos obxectivos propostos.
A Rede Española de Ciencia e Tecnoloxía para a Conservación do Patrimonio Cultural (TechnoHeritage) volve celebrar en Santiago o seu congreso internacional, logo da primeira edición en 2012. Nesta ocasión, o 5º Congreso Internacional TechnoHeritage2024 desenvólvese conxuntamente ao 1º Encontro Bienal do Grupo Especializado de Química para o Estudo e Conservación do Patrimonio Cultural (GEQP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Esta cita científica terá lugar do 25 ao 27 de setembro no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, un escenario perfecto para o intercambio de coñecementos e ideas en ciencia, con especial relevancia da química e tecnoloxía.
Un novo proxecto, coordinado por María González Taboada, investigadora do CITIC da UDC, busca desenvolver novas estratexias numéricas para entender e predicir como se comportan os fluídos non newtonianos en materiais porosos. Este tipo de fluídos, que inclúen desde mesturas viscoelásticas ata fluídos con propiedades que cambian co tempo, son difíciles de estudar, pero a súa análise é fundamental para múltiples campos científicos e industriais.
Case cinco anos despois que a Universidade de Vigo e Zona Franca presentasen a fondos europeos de recuperación Next Generation un proxecto para instalar en Vigo unha fábrica de circuítos fotónicos e un laboratorio de I+D , este venres materializouse no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares a colocación da primeira pedra da planta de semiconductores fotónicos, que ocupará unha superficie de 4000 metros cadrados e se prevé entre en servizo en 2027.
A UVigo participa esta semana en Madrid no evento Science for Industry (S4I), un foro internacional que busca conectar a investigación co mundo empresarial e do investimento, facilitando que o coñecemento xerado nas universidades e centros de investigación se transforme en innovación real con impacto no mercado.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta, acolleu a conferencia 'Un enfoque científico-práctico para a IA verde', impartida por Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da tecnolóxica Hiili. A sesión formou parte do ciclo 'Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable', promovido pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes..
O uso da IA está a abrirse camiño en case todos os eidos do coñecemento, incluíndo tamén a xestión dos ecosistemas e das contornas naturais. Un bo exemplo é o proxecto estatal BlueAI, que acaba de poñerse en marcha e no que participa a UVigo en colaboración con outras entidades como a Universidade de Murcia, o Centro Oceanográfico de Murcia, a Universitat Politècnica de València e a Universidade de Salamanca.
Para reducir o illamento do alumnado que por motivos de saúde se ve obrigado a permanecer afastado do centro educativo, o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC) vén de asinar un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do CIEDIX, para a posta en marcha dun estudo piloto na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Vigo será o primeiro campus en España en dispor dun servizo de vehículo autónomo e conectado que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria para os seus desprazamentos entre edificios. O vehículo, desenvolto integramente en Galicia e con capacidade para 8 persoas, non só facilitará o traslado entre edificios, senón que permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións moi variables.
A monitorización continua de glucosa pode ser unha excelente ferramenta de predición e estratificación de risco que permita identificar de forma máis precisa e precoz persoas con maior probabilidade de progresar a diabetes ou sufrir eventos cardiovasculares. Isto é o que fai GluFormer, un sistema de IA capaz de predicir o risco de desenvolver diabetes ou eventos cardiovasculares a partir da monitorización continua da glucosa.
O IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab será unha nova unidade de investigación en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear. A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías acolleu a sinatura do convenio para a creación desta unidade coa que o IGFAE e o CESGA reforzan, como centros de referencia nos seus campos, a súa alianza estratéxica na investigación e o desenvolvemento da computación cuántica.
A Facultade de Informática da UDC acollerá a Olimpíada Informática Galega 2026 (OIG 2026), que se celebrará o vindeiro 6 de febreiro. Unha iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades públicas galegas A Coruña (UDC), Santiago (USC) e Vigo (UVigo).