Notas de prensa

Xenetistas escriben por vez primeira a historia da poboación galega e sentan as bases da medicina personalizada

Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.

Coordinado polos equipos de investigación multidisciplinar GenPoB e GenViP liderados polos catedráticos da USC Antonio Salas Elllacuriaga e Federico Martinón Torres, este retrato xenético baséase na secuenciación completa do xenoma, o que permite unha análise exhaustiva do ADN en Galicia utilizando a máxima resolución dispoñible actualmente. Como explican Antonio Salas e Federico Martinón, o resultado “permite reconstruír cun detalle sen precedentes a historica demográfica e o perfil xenético da comunidade ao tempo que abre unha fiestra ao futuro da medicina personalizada en Galicia”.

Para o desenvolvemento da investigación analizáronse 1.100 xenomas completos, incluíndo individuos galegos e referencias tanto internacionais como de centos de mostras procedentes doutras rexións da Península Ibérica. Esta comparación permitiu “contextualizar os datos galegos dentro do panorama xenético máis amplo da Península, revelando as súas particularidades, sen perder de vista as conexións compartidas”, aclara Antonio Salas.

Idiosincrasia xenética galega

O equipo de investigación sinala que aínda que a maioría do ADN é compartido con outras poboacións ibéricas e europeas, a poboación galega “esconde no seu xenoma unha sorpresa histórica: arredor do 15% do seu perfil xenético actual ten raíces no norte de Ãfrica e Oriente Medio”, aclaran os investigadores. à vista dos datos, o equipo sitúa esta influencia en momentos anteriores á expansión islámica que comezou en 711. “Este legado mesmo parece ter chegado moito antes, entre os séculos VI e VII” concretan. Os datos apuntan “a un posible goteo xenético de orixe norteafricana e oriental que tería comezado en época romana, cando a antiga Gallaecia mantiña contactos marítimos e comerciais con zonas do Mediterráneo e do norte africano”.

En opinión de Antonio Salas, “este achado non so cambia a narrativa simplista tradicional sobre a orixe desta pegada xenética, senón que reabre o debate sobre a intensidade e o alcance das conexións transmediterráneas que xa existían moito antes da invasión musulmá. Galicia, historicamente considerada unha esquina remota de Europa, revélase agora como unha terra aberta ao intercambio e á mobilidade dende hai séculos”. Os autores observan que a variabilidade africana é “lixeiramente superior no sur e sueste de Galicia, o que suxire que esta puido ser a súa principal porta de entrada”.

O estudo do ADN permite igualmente unha imaxe cun elevado grao de detalle xa que tamén achega información sobre como se transmite esta herdanza: principalmente por vía paterna, xa que ata un 21% das estirpes masculinas presentan orixes norteafricanos, especialmente relacionadas con poboacións bereberes como os mozabíes. En opinión de Antonio Salas, “este patrón apunta a migracións predominantemente masculinas, asociadas probablemente a intercambios comerciais, actividades militares, tráfico de escravos ou redes de mobilidade a través do Mediterráneo moito antes da ocupación islámica. Galicia, no extremo noroeste de Europa, confírmase así como un cruce de camiños máis diverso e antigo do que cabería imaxinar a primeira vista”.

Homoxeneidade xenética

Este último estudo mostra un patrón de homoxeneidade xenética da poboación de Galicia, cunha realidade máis cohesionado do que se podía pensar cos datos existentes ata o momento. Esta homoxeneidade xenética contrasta con outras rexións da Península Ibérica, onde as montañas e outras barreiras naturais puideron ter favorecido unha maior fragmentación poboación, aclara o equipo investigador. “En Galicia, a xeografía xogou a favor da mestura: sen grandes obstáculos internos, cunha rede peque nos núcleos rurais repartidos por todo o territorio e unha longa tradición de mobilidade por mar, polas rutas comerciais romanas ou a través do Atlántico, a poboación galega estivo historicamente conectada”, aclara Salas Ellacuriaga.

Conclúe o catedrático da USC que “o resultado é unha estrutura xenética uniforme, onde a endogamia ou o illamento ten un impacto moito menor do que se pensaba. Na práctica, Galicia, un territorio aparentemente periférico, revélase como un punto de encontro xenético máis integrado e dinámico do que se asumía”.

Medicina personalizada

Un dos aspectos máis innovadores do estudo é a súa capacidade para trazar, por primeira vez, un “mapa do risco xenético” de enfermidades comúns dentro de Galicia. Así, o equipo científico identificou como se distribúe a susceptibilidade xenética a doenzas como a diabetes tipo 2, o Alzheimer ou o cancro en distintas comarcas galegas. As medicións revelan que aínda que Galicia é unha rexión xeneticamente homoxénea en termos xerais, existen matices locais relevantes: “aínda que os resultados son preliminares, apuntan a que zonas do interior presentan un risco xenético lixeiramente máis alto para enfermidades metabólicas como a diabetes tipo 2 e as costeiras mostran una propensión superior a enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer, a cardiopatía isquémica ou o cancro de ovario, pero máis baixas para enfermidades de saúde mental como a esquizofrenia”. Ademais, engade Salas, algúns gradientes de risco están moi ben perfilados, “por exemplo, a fibrilación auricular ten un risco crecente desde o sur de Galicia cara ao norte”.

Estas diferenzas parecen ter raíces profundas, posiblemente asociadas a patróns históricos de migración, mestura xenética e pequenas variacións na consanguinidade ao longo de xeracións. Estas diferenzas que se observan nos mapas deste estudo abren a porta a futuras estratexias de prevención máis precisas, axustadas á realidade xenética de cada territorio. Con todo, Federico Martinón explica que “aínda que hoxe non sexa viable implementar esas campañas sanitarias a escala comarcal ou municipal, este tipo de información si permite explorar novas liñas de investigación e planificación preventiva máis axustada”.

Galicia, referencia esencial para a medicina de precisión

Máis aló do seu interese histórico, este estudo ten importantes implicacións para a biomedicina en Galicia: axudará a entender as actuacións que se están levando a cabo nos programas de screening poboacional e ofrece unha plataforma para poñer límites a, por exemplo, o alcance da farmacoxenómica e as terapias individualizadas a nivel rexional, ou sexa, o nicho da xenómica encargado de entender como a identificación de variantes locais pode afectar a metabolización de fármacos e optimizar tratamentos, axustar doses e minimizar efectos adversos. “Grazas a este mapa xenético de alta resolución poderá pensar en redeseñar estratexias de cribado máis precisas e adaptadas ás necesidades reais da poboación galega, algo particularmente relevante en etapas clave como a infancia ou a adolescencia, onde esas intervencións preventivas poden ter un maior impacto a longo prazo”, explica Martinón.

Ademais, identificáronse variantes xenéticas que estaban infrarrepresentadas ou ausentes nas bases de datos internacionais como 1000 Genomes ou gnomAD. Este achado pon de relevo unha carencia importante na investigación xenética global como é a escasa representación de moitas poboacións rexionais, explican.

Salas conclúe que “ademais do interese académico, o atlas xenético galego non só reescribe aspectos clave do pasado de Galicia, senón que constitúe unha valiosa ferramenta para construír o seu futuro sanitario”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, Ãfrica e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES