
Dito proxecto está liderado pola Universitat Autónoma de Barcelona e financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Esta investigación pon o foco tanto nas políticas que están a desenvolver as institucións académicas neste eido como nas iniciativas impulsadas polo profesorado para incorporar á súa docencia a intelixencia artificial xerativa, aquela que crea contido orixinal de forma autónoma a partir de patróns aprendidos de grandes volumes de datos.
As dúas claves deste proxecto pivotan arredor do que se está a facer a nivel de xestión universitaria e de dar visibilidade a esas boas prácticas que se están desenvolvendo na docencia, sinala o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Abraham Bernárdez, membro do equipo investigador de Edu-Ina (Políticas y prácticas sobre la inteligencia artificial generativa en la educación universitaria). Cristina Mercader e Aleix Barrera-Corominas, da UAB, son os investigadores principais dun proxecto que reúne docentes das universidades de Granada, León, Oberta de Catalunya e Complutense de Madrid, así como da UAB e da UVigo, contando tamén coa participación da Mondragon Unibertsitatea como entidade colaboradora.
Xunto a Bernárdez, investigador do grupo Ritme, a UVigo está representada neste proxecto pola tamén docente de Ciencias da Educación e do Deporte Martina Ares, a profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra Claudia González e a investigadora predoutoral Manuela Ordoñez, á vez que contan coa colaboración de Ana Parada, da USC.
Dúas liñas de análise
O equipo investigador deste proxecto, iniciado en setembro de 2024, reúnense desde este luns na Casa das Campás para afondar nos diferentes obxectivos que se están desenvolvendo e os pasos que hai que continuar dando, sinala Bernárdez. Centrado en coñecer en como a universidade pode facer fronte ás transformacións que están a supor ferramentas como ChatGPT nos procesos de aprendizaxe ou no tipo de tarefas que propor ao alumnado, Edu-Ina comprende por unha banda a análise das prácticas educativas que fan uso da intelixencia artificial xerativa. A idea, explica o investigador da UVigo, é coñecer que tipo de prácticas está a levar a cabo o profesorado con este tipo de ferramentas e que elementos é preciso ter en conta para que o seu uso poida contribuír á formación do estudantado. Co obxectivo de obter unha panorámica xeral neste eido, realizaron un cuestionario sobre os usos, coñecemento e posicionamento do profesorado das diferentes universidades sociais, que á súa vez van servir tamén para detectar eses docentes clave nos que temos que fixarnos, apunta Bernárdez.
O outro eixe de Edu-Ina son as actuacións das institucións académicas e nel insírense obxectivos como analizar os discursos e a opinión sobre a incorporación da intelixencia artificial xerativa das e dos responsables académicos, así como describir as políticas e estratexias que están a levar a cabo as universidades. Neste ámbito promovéronse grupos de discusión nas diferentes entidades sociais, como o que tivo lugar hai unhas semanas no campus pontevedrés, e que levarán a unha análise do discurso de carácter cualitativo, á que se suma a revisións de plans de estudo ou dos plans estratéxicos das institucións académicas. De feito, un dos propósitos dun proxecto que se estenderá ata 2027 é o deseño dunha folla de ruta para axudar ás universidades a implantar a intelixencia artificial xerativa dun xeito eficiente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.