Notas de prensa

Dos cambios legais á Intelixencia Artificial, representantes de 40 institucións analizan a transformación das prácticas académicas

Con 198 inscritos e inscritas, procedentes de máis de 40 universidades e institucións dunha decena de países, este mércores dá inicio o XVIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as prácticas académicas, un congreso bienal centrado nas estadías formativas que o alumnado universitario realiza en diversas entidades, e promovido por unha rede de centros da que forma parte a UVigo.

O simposio desenvólvese ata este venres no Mosteiro de Poio baixo o título de Un novo significado do prácticum? Quo vadis. A implantación das titulacións duais, o impacto da intelixencia artificial nas prácticas externas e os efectos que teñen na súa xestión cambios normativos como a cotización á seguridade social son os eixes centrais dun evento que combina a asistencia presencial e virtual.

Promovido pola pola Asociación para el Desarrollo del Prácticum y de las Prácticas Externas: Red de Prácticum (Reppe), co apoio da UVigo, ao abeiro da súa liña de axudas á organización de congresos, este simposio nacía hai catro décadas, ligado inicialmente ao prácticum nas titulacións de educación, para logo ampliar o seu foco de análise coa xeneralización das prácticas nas diferentes titulacións. “O significado das propias prácticas variou ao longo destes 40 anos”, recoñece nese senso a profesora Manola Raposo, representante da UVigo na comisión executiva deste simposio xunto á tamén docente da Facultade de Educación e Traballo Social María Ainhoa Zabalza.

Máis aló de permitir unha “aplicación da teoría”, sinala Raposo, estas estadías formativas achegan unha serie de competencias ás e aos futuros profesionais, o que fai que teñan que atender “as esixencias normativas, formativas ou tecnolóxicas que nos está demandando a contorna”. Este contexto de cambios motiva que esta edición do simposio poña o foco cuestións como as aplicacións da “intelixencia artificial ligada as prácticas”, en ámbitos como a simulación ou a avaliación de tarefas, ou no “papel da titoría como eixe vertebrador” desa conexión entre o estudantado e o mundo profesional, como salienta o presidente do comité organizador, Miguel Ángel Barberá, da Fundación Adeit da Universitat de Valencia. Outro dos eixes de análise, engade o coordinador deste simposio, Manuel Cebrián, da Universidad de Málaga son os “programas duais”, nos que parte da formación lévase a cabo nunha empresa, e os seus efectos tanto en materia de normativas, “como na xestión ou no liderado das institucións”.

Formación dual e empregabilidade

Tras iniciar a súa actividade cunha serie de reunións na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na mañá deste mércores, o simposio celebra esta tarde o seu acto inaugural en Poio, coa participación do alcalde, Ángel Moldes; da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; e do presidente da Reppe, Agustín Erkizia, xunto con Barberá e Cebrián. Na segunda edición en que o seguimento presencial combínase co virtual, a este acto de apertura sumáronse ademais por videoconferencia Carmen Dolores Gálvez, vicerreitora académica do Instituto Superior de Formación Docente Salomé Ureña de República Dominicana, que achega unha trintena de participantes ao congreso; e a vicerreitora de Formación Permanente, Transformación Docente e Emprego da Universitat de Valencia, Ángeles Solanes.

Esta primeira xornada complétase cunha conferencia sobre a influencia da empregabilidade nas prácticas, de Miguel A. Zabalza, da Universidade de Santiago de Compostela, e cunha mesa debate sobre titulacións duais. Nela, preséntanse as experiencias desenvolvidas neste eido polas universidades do País Vasco, Lleida e Federal do Paraná, ás que se suma a visión do director de educación e formación da Confederación Española de Organizaciones Empresariales (CEOE), Juan Carlos Tejada.

Recuperación dos grupos de discusión

A xornada do xoves abrirase cunha das novidades desta edición, a recuperación dos grupos de discusión, espazos dirixidos a identificar problemas, compartir boas prácticas e definir recomendacións. Estes terán como eixes temáticos a intelixencia artificial, os retos actuais e futuros das prácticas e os desafíos da formación dual. Nesta segunda xornada terán lugar tamén diferentes talleres, a presentación de 93 comunicacións e unha mesa de debate sobre metodoloxías innovadoras para a titorización das prácticas. As posibilidades que neste ámbito ou na avaliación destas estadías formativas poden achegar as ferramentas de intelixencia artificial será ademais o eixe central da conferencia que impartirá nesta xornada a profesora da Universidad de Guadalajara (México) María Obdulia González, mentres que o venres o pedagogo José Ignacio Pastor achegará unha mirada ás prácticas desde a perspectiva da entidade de acollida, no relatorio de peche deste simposio.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-07-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES