A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acompañou hoxe a un grupo de 40 alumnos e alumnas de 1º de ESO do IES A Pinguela de Monforte de Lemos, nunha visita ao Centro Internacional de Investigación de Sistemas Autónomos Avanzados, IRCAAS, de Avincis no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, no marco do programa de actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia.
Durante a visita, Argerey destacou o valor desta actividade desenvolvida por Avincis no impulso de novas vocacións no sector aeroespacial e, especialmente, no dos vehículos non tripulados en Galicia. Na actividade Fly the future na que hoxe participaron os estudantes do IES A Pinguela, o alumnado asiste a unha charla divulgativa onde coñece por que voa un avión, fai un percorrido polas instalacións do IRCAAS, visita a sala de simulación onde pode pilotar virtualmente o vehículo non tripulado LUMES e experimenta un voo dun dron en contorna mariña e terrestre a través dunhas gafas 3D.
O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia.
Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos da Xunta relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados. Ademais Avincis, un dos líderes no mercado de operacións complexas con sistemas non tripulados en ámbitos como emerxencias, seguridade e inspeccións, está a desenvolver tres solucións innovadoras para incorporar á prestación de servizos da Xunta de Galicia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.