Notas de prensa

Persoal investigador da UVigo identifica unha vulnerabilidade clave para vencer a resistencia de determinados cancros aos fármacos

O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.

q A pesar de que actualmente existen terapias dirixidas contra este tipo de patoloxías, como os inhibidores BRAF/MEK, aínda hai unha alta porcentaxe de pacientes que son resistentes ás mesmas e, daqueles que si responden, entre un 60 e un 80 % tamén acaban por desenvolver resistencia.

Con este reto como foco, un equipo científico internacional liderado pola investigadora María Mayán Santos desde o grupo CellCOM do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo e pertencente á Rede CIGUS, descubriu un novo mecanismo molecular capaz de restrinxir a capacidade das células tumorais para preparar o seu ADN, unha das principais formas de defensa fronte aos fármacos. A investigación, que baixo o título Cx43 enhances response to BRAF/MEK inhibitors by reducing DNA repair capacity acaba de ser publicada nunha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo como Nature Communications, identifica á proteína conexina 43 como unha nova e potente diana terapéutica capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos tratamentos e, incluso, revertela unha vez que esta xa se produciu.

“Un proxecto multidisciplinar e internacional que, froito de máis de sete anos de traballo e colaboración entre vinte centros de investigación españois e europeos, nos permitiu descubrir un mecanismo que fai ás células tumorais máis vulnerables á morte celular”, subliña Mayán. O estudo contou con financiamento europeo a través do programa Horizon 2020, ademais de financiamento nacional do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e da Xunta de Galicia.

A conexina 43, clave para frear a reparación de células cancerosas

O traballo desvela por que este tipo de células tumorais se desfán da proteína conexina 43 para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Un mecanismo que reduce o crecemento tumoral e prevé recaídas en modelos preclínicos animais.

Esta proteína interfire coa vía principal que utiliza a célula cancerosa para reparar o dano no seu ADN. “Actúa como un freo, obrigando á célula a usar vías de reparación alternativas moito menos eficaces e, como resultado, o dano acumúlase ata un punto insostible, provocando que a célula entre nun estado de non proliferación ou directamente morra”, explica a investigadora principal do estudo, María Mayán.

Este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais, como os inhibidores de BRAF/MEK, desencadeando o que se coñece como “letalidade sintética”. Os descubrimentos realizados suxiren que a combinación estratéxica de conexina 43 con terapias dirixidas podería previr a aparición de resistencia e, incluso, inducir a morte de células que xa se volveron resistentes.

Cabalos de Troia para levar a proteína ás células

Baseándose nestes resultados, o equipo liderado por María Mayán deseñou e patentou unha innovadora estratexia terapéutica para levar a conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Utilizan nanovesículas —pequenas partículas que as células liberan de forma natural— e modifícanas xeneticamente para que actúen como cabalos de Troia, transportando a proteína e tamén o seu ARN mensaxeiro.

Segundo explica Mayán, “xa xeramos unha estratexia terapéutica eficaz, demostrada como proba de concepto neste estudo”. Agora “estamos a buscar apoio para poder chegar aos pacientes nun futuro”. A coordinadora do proxecto confía en que este avance sente as bases de novos estudos sobre a resistencia ao tratamento en cancro, pero tamén para o desenvolvemento de futuras terapias en pacientes con melanoma e outros tumores agresivos, como o cancro colorrectal, de pulmón ou de mama, que presenten este tipo de mutacións.

Ciencia de vangarda con selo galego

A pesar da dificultade do proxecto, “este traballo demostra a importancia da investigación feita en colaboración para poder xerar novo coñecemento sobre o cancro”, asegura a doutora Mayán, quen tamén destaca “o valor da ciencia de vangarda feita deste Galicia e desde España” como unha maneira de mellorar a percepción do noso país, pero tamén de formar á nova xeración de científicos e científicas altamente capacitados, que logran atopar oportunidades tanto dentro como fóra de Europa. “Isto é algo que me fai moi feliz”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES