
O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou esta mañá nunha reunión co Clúster TIC Galicia que supón o punto de partida para a elaboración do plan director da industria das TIC.
Trátase dun dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, e a loxística industrial.
Comeza, por tanto, o procedemento de elaboración e aprobación do plan director, no que, como primeiro fito, se levará a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participarán as consellerías con competencias nesta materia, así como o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, como é o caso do Clúster TIC Galicia. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
Deste xeito, preténdese contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades do sector da industria das TIC. O plan contará con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.
Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.