Notas de prensa

Artistas de nove países converten Ons nun espazo para unha creación conectada co territorio

Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).

Procedentes de España, Portugal, República Checa, Italia, Colombia, Reino Unido, Austria, Serbia e Suecia, as e os seleccionados na convocatoria aberta para un workshop no que se lles convida a “repensar e reformular” os seus proxectos nas “coordenadas” dun seminario que busca conectar a acción e investigación artística co “contexto concreto da illa”, como explica Méndez.

Esta iniciativa insírese nas accións dunha rede de investigación financiada polo programa COST da Unión Europea, que centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras ou novas ferramentas tecnolóxicas. Liderado polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade da Universidade do Porto, o proxecto ARTinRARE conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo e ten como punto de partida o concepto de intelixencia artística, que fai referencia á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados específicos dun proxecto. Estes grupos de traballo reuníanse o pasado mes de febreiro na Facultade de Belas Artes da UVigo, nun encontro promovido por Méndez, membro do comité de xestión desta rede e directora, xunto con Díez, do proxecto Geografía Poética. Impulsado pola Universidad de Zaragoza, esta iniciativa naceu en Teurel e tiña como obxectivo a creación dunha rede de conexións entre comunidade, patrimonio e territorio a través de intervencións artísticas contextualizadas.

Arte conectada co territorio

O workshop iniciado este martes forma parte das iniciativas do grupo de traballo WP3 Reference frameworks desta rede europea, centrado no desenvolvemento dun marco de referencia común que permita vincular as diferentes liñas e enfoques dos proxectos de investigación artística. Nese senso, Méndez pon de relevo como esta residencia “conecta directamente coa necesidade de crear marcos de referencia situados”, que teñan en consideración que, máis aló da produción dunha obra, a práctica artística “crea afectos e vivencias que non teñen fácil asimilación ou transferencia a conceptos que relacionamos directamente coa arte”. De aí que incida en que estes marcos deben abranguer tamén o que “acontece durante a convivencia en espazos e territorios cunha xeografía que non é neutra”, máxime nun momento no que, subliña, “a mirada e o pensamento críticos son precisos e imprescindibles”.

Desde esta perspectiva, o taller botaba a andar na tarde deste martes cunha “visita contextualizada” a Ons, que tiña como obxecto achegar ás e aos participantes á “historia recente e non tan recente” da illa, así como a súa “comunidade, xeografía, flora, fauna, costumes...”, explica Méndez, que destaca que esta primeira aproximación “abriunos as posibilidades de acción e investigación artística”. A partir de aí, a residencia estenderase ata o sábado 26 e durante estas xornadas “a maior parte do tempo está a disposición libre das artistas” para os seus traballos de campo, que se combinarán con diferentes “postas en común para compartir a nosa experiencia situada na illa”.

Artistas de nove países

Para esta iniciativa foron seleccionadas as artistas e investigadoras Carmen Omil e Sara Piñeiro, da Facultade de Belas Artes da UVigo; Jeanne Scott, da Universidade do Porto; Lamija Čehajić, da Academia de Belas Artes de Praga; Leonardo Mezzalira, do Conservatorio de Música Luisa D´Annunzio de Pescara; Luis Francisco Ortiz, da Universidad Nacional de Colombia; Marika Grasso, da Sheffield Hallam University; Marta Pérez-Campos, da Universidade do País Vasco (EHU); Rabbya Naseer, da Academia de Belas Artes de Viena; Tatjana Marticki, da Universidade de Novi Sad, e Gwen Rakotovao, da Universidade das Artes de Estocolmo. Nesa residencia participan tamén, ademais de Holga Méndez e Belén Díez, o vicepresidente do WG3 desta rede, Trond Lossius, da Escola Universitaria do Interior de Noruega, e a xestora desta acción COST Margarita Dias, da Universidade de Porto.

Aínda que esta residencia pon o foco nos procesos e nun traballo artístico en relación co contexto, os resultados desta experiencia darán lugar a unha exposición colectiva no repositorio virtual Research Catalogue, así como ao informe final do grupo de traballo.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES