Noticias

O Sergas recibe 83 propostas innovadoras durante o proceso de Consulta Preliminares ao Mercado do Plan de innovación sanitaria Precisaúde

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, clausurou esta tarde o acto de presentación das conclusións das Consultas Preliminares ao Mercado do novo Plan de innovación PRECISAÚDE, un evento no que anunciou que o Sergas recibiu un total de 83 propostas innovadoras na súa fase preliminar. Durante o acto, que se desenvolveu na sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o xerente da ACIS, Antonio Fernández-Campa, destacou a alta participación de empresas e centros de I+D+i, “o que demostra o interese espertado por PRECISAÚDE”.

Pola súa banda, o director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero; detallou o proceso de Consultas Preliminares ao Mercado que conclúe hoxe coa presentación das conclusións. Así, este procedemento comezou co lanzamento da consulta no mes de xuño, para posteriormente analizar as propostas recibidas e os correspondentes informes de vixilancia tecnolóxica, así como as valoracións por parte da Oficina Española de Patentes e Marcas.

As Consultas Preliminares ao Mercado son un mecanismo mediante o que as entidades sanitarias e os responsables da toma de decisións poden interactuar cos provedores de solucións innovadoras antes de lanzar unha licitación ou un proceso formal de adquisición. Este procedemento, que se estendeu durante sete meses, permitiu unha comunicación bidireccional, na que os provedores puideron presentar as súas propostas e as entidades sanitarias expresar as súas necesidades e requirimentos específicos.

O informe de conclusións da consulta pode consultarse na páxina web de PRECISAÚDE, e servirá de guía para as futuras licitacións que se leven a cabo en calquera das modalidades de Compra Pública Innovadora.

8 retos distribuídos en 4 ámbitos de actuación prioritarios

Co novo Plan de innovación PRECISAÚDE, a Medicina 5P convértese no eixo central do ámbito da innovación sanitaria. Así, o evento de hoxe contou cun panel de expertos e clínicos para as catro grandes liñas de traballo: novos sistemas de simulación, biomarcadores, solucións de análise xenómico avanzado e terapias avanzadas.

A primeira das mesas, presentou as conclusións sobre a busca de solucións innovadoras baseadas en biomarcadores, con tres retos en oncoloxía exposto por Jesús García Mata, Xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; obesidade detallado por Cristina Tejera, Facultativa Especialista da Área de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; e saúde mental, encargándose da súa presentación María Tajes, Xefa de Servizo de Saúde Mental no Complexo Universitario Hospitalario de Ourense.

A busca de sistemas de simulación innovadores, dentro do cal existen dous retos, foi a temática da segunda das mesas. Por unha parte, o desenvolvemento e validación de técnicas hemodinámicas para o tratamento da parada cardio-respiratoria e ECMO, exposta a necesidade polo Xefe de Servizo de Docencia e Investigación, José Antonio Iglesias. E pola outra parte, o desenvolvemento e validación de solucións de simulación para o tratamento de feridas crónicas exposto por María Blanca Cimadevila, Xefa de Servizo da Subdirección Xeral de Xestión Asistencial e Innovación.

O Subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería, Benigno Rosón, detallou as conclusións do terceiro ámbito de actuación de PRECISAÚDE no eido da xenómica, consistente na busca de plataformas globais de xestión de datos ómicos, integrando toda información relevante da historia clínica, coa posibilidade de creación dun espazo de datos para a análise automatizada, apoiándose para este obxectivo no uso de técnicas big data e de intelixencia artificial.

Finalmente, a busca de solucións innovadoras de terapias foi o último ámbito que quedou atendido, distribuíndose en dous retos. O primeiro reto consistiu no desenvolvemento de novas terapias avanzadas de terapia xenética e celular e o segundo relativo ao desenvolvemento de solucións para a xestión integral do proceso de produción vencellado a terapias celulares avanzadas, presentado por Alicia Piñeiro, Xefa de Consultoría e Santiago Medin, Director Técnico da Unidade de Produción de Radiofármacos PET, ambos da Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria.

Referentes europeos en contratación pública de innovación

A xerente do Servizo Galego de Saúde agradeceu a tódolos profesionais que contribuíron a facer posible que a Sanidade Galega sexa referente europeo en programas de Compra Pública Innovadora (CPI), un importante fito no campo da saúde que permitiu grandes logros con programas como Hospital2050 e InnovaSaúde, Código100; Innova MicroLab ou INNOVATRIAL actualmente en execución. Trátase dun recoñecemento outorgado polo Consello Europeo de Innovación (EIC), no que o SERGAS logrou ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación.

R., 2024-02-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento. Entre 2019 e 2024 investiuse un total de 2,6 millóns de euros, permitindo a realización de 159 accións formativas e case 469.000 horas lectivas.
Foto de la tercera plana (fp-taller.jpg) O 58% dos 855 ciclos de Formación Profesional ofertados para o próximo curso en Galicia complétanse na primeira adxudicación de prazas pechada onte pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e que dá dereito a matricula. Segundo os datos recabados, un total de 56.049 persoas presentaron solicitude para cursar algunha modalidade de Formación Profesional, o que representa un incremento do 3,5% (1.898 solicitudes máis) con respecto ao curso 2024-25, e supón acadar de novo un máximo histórico que confirma o interese que espertan estas ensinanzas.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES