
O proxecto, financiado polo programa Prociencia do Consejo Nacional de Ciencia, Tecnología e Innovación Tecnológica (CONCYTEC) peruano, foi un dos mellor valorados entre máis de 300 propostas, e conta coa participación de institucións como o Instituto Geológico, Minero y Metalúrgico (INGEMMET) de Perú, a Universidade Complutense de Madrid e a Universidade da Coruña. O seu obxectivo é analizar os sedimentos da lagoa La Niña, un ecosistema que actúa como un auténtico sensor climático, xa que se enche durante os eventos de El Niño e seca durante La Niña. A través de técnicas como a datación por carbono-14 e o estudo da composición biolóxica e xeolóxica dos sedimentos, o equipo espera reconstruír a recorrencia destes eventos climáticos durante o Holoceno.
Un fenómeno con impacto global e local
O fenómeno de El Niño, caracterizado polo quecemento anómalo das augas do Pacífico ecuatorial, ten efectos que se estenden moito máis alá de América do Sur. Tal como recolle un recente estudo publicado en Nature (Esper et al., 2023), El Niño foi un factor clave no récord de temperaturas acadado no verán de 2023, o máis cálido dos últimos 2000 anos no hemisferio norte. A súa influencia maniféstase en alteracións climáticas a escala planetaria, desde secas ata inundacións, e afecta tamén ao clima europeo.
En Galicia, diversos estudos xa teñen identificado conexións entre o fenómeno El Niño- Oscilación del Sur (ENSO) e os patróns de precipitacións e temperatura, con implicacións directas en sectores como a agricultura, os recursos hídricos ou a xestión forestal. A participación galega neste proxecto contribúe a mellorar a comprensión global do fenómeno e a anticipar os seus posibles efectos nun contexto de cambio climático acelerado.
Ciencia galega no escenario internacional
A participación de Rafael Carballeira neste proxecto reforza a proxección internacional do CICA e da Universidade da Coruña no ámbito da investigación climática. Especialista en paleolimnoloxía e análise de ADN antigo en sedimentos, Rafael achega a súa experiencia na reconstrución de ecosistemas pasados e no estudo da biodiversidade dos lagos, clave para interpretar os rexistros sedimentarios da lagoa peruana.
Este tipo de colaboracións internacionais non so sitúan a Galicia na vangarda da ciencia climática, senón que permiten establecer pontes de coñecemento entre continentes, nun momento no que a cooperación científica é máis necesaria ca nunca para afrontar os desafíos do cambio climático.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.