Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na segunda sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). As rexións e cidades debateron, entre outras cuestións, sobre política dixital e o uso da intelixencia artificial (IA) por parte das autoridades públicas. No marco deste debate, presentouse o estudo do CdR sobre a adopción da IA por parte das administracións locais e rexionais. Este documento define a Galicia como pioneira por ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial tanto para regular a súa utilización como para impulsala e promover o seu desenvolvemento. Segundo este estudo, trátase dunha iniciativa de vangarda que destaca polo seu carácter innovador e potencial para a gobernanza e a regulación desta tecnoloxía.
Un 84,6% das empresas TIC galegas dispoñen de software libre instalado nos seus equipos, tanto ordenadores persoais como servidores, segundo os resultados do informe que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), referido a datos de 2023. O informe do Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destaca que os produtos de software que máis habitualmente ofertan as empresas TIC de Galicia son os de xestión de negocio; sistemas de virtualización, servidores e aplicacións na nube; e xestión de contidos, páxinas web, e marketing dixital.
Tivo lugar unha reunión do proxecto EdugalIA de intelixencia artificial no ensino, co obxectivo de ultimar os traballos para comezar o despregamento da IA no sistema educativo galego. A Xunta de Galicia logrou captar con este proxecto case 10 M€ de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio. EdugalIA contará cun orzamento total de 16,5M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional) para despregar a intelixencia artificial na xestión educativa. O seu obxectivo é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta.
Na actualidade, preto de 6.000 pacientes cardiolóxicos reciben asistencia a domicilio a través da plataforma TELEA, cuxo enfoque integral fai única esta ferramenta tecnolóxica a nivel internacional, tanto no ámbito sanitario como no socio-sanitario. O Servizo Galego de Saúde ten implantada en todas as áreas sanitarias a interconsulta electrónica en cardioloxía, unha ferramenta que favorece a conexión directa entre profesionais de atención primaria e hospitalaria e facilita o seguimento ou derivación do paciente cando sexa estritamente necesario.
Fernando Calvet acaba de ser elixido ‘Científico Galego do Ano’ pola Real Academia Galega de Ciencias. Introdutor da bioquímica moderna en España, modernizou a química orgánica en Galicia e é considerado iniciador da investigación química na USC, nos anos 30 do pasado século. A Academia salienta que 'achegou un novo xeito de entender a Química na nosa comunidade' e que 'colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa contribución científica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor'. Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do ‘Día da Ciencia en Galicia’, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas relevantes contribucións.
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lanza unha nova actividade enmarcada nas actuacións para fomentar as vocacións femininas STEAM. O taller Ecocápsulas do Futuro: Supervivencia e Tecnoloxía nun Clima Cambiante terá lugar os días 10 e 24 de abril, véspera do Día Internacional das Rapazas nas TIC. A apertura hoxe do prazo de inscrición coincide co Día Internacional de Muller e a Nena na Ciencia. A actividade está aberta a nenos e nenas de 9 a 13 anos que terán a oportunidade de deseñar, construír e automatizar a súa propia ecocápsula e aprenderán a controlar o ambiente interno dese espazo, empregando tecnoloxía de control ambiental e deseño 3D.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que Galicia contará coa primeira lexislación rexional para o desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética, segura, fiable e centrada nas persoas. Durante a súa intervención no debate de totalidade do Proxecto de Lei, Miguel Corgos recordou que esta norma nace con tres obxectivos principais: dispoñer dunha IA segura e salvagardar os dereitos da cidadanía, mellorar a eficacia da Administración autonómica e a súa relación coa cidadanía e consolidar a Galicia como rexión de referencia en Europa nesta materia.
Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao Marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas. As acreditacións fóronse implantando no ámbito educativo e no sector público e en 2024 convocáronse as primeiras probas para a cidadanía. Para este 2025 están xa fixadas as probas para a obtención do certificado nos tres ámbitos.
Con motivo do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica, a Administración autonómica, así como as universidades públicas, os centros de coñecemento e todas as entidades relacionadas con este campo en Galicia, van celebrar un amplo calendario de eventos para impulsar esta tecnoloxía e amosar todo o potencial galego. Actualmente xa hai pechados oito eventos, aos que se sumarán diversos coloquios, actividades e xuntanzas. O Cesga, xunto coa Universidade de Santiago e a entidade Quantum Spain, organizan o 28 de febreiro e o 7 e 14 de marzo o evento USC Quantum Computing Workshop en Santiago de Compostela. Ademais, o 14 de abril ofrecerán unha masterclass online orientada a estudantes de Secundaria. Igualmente, Cesga e a USC, xunto con TalentQ, celebrarán webinars todos os martes cada dúas semanas.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asinaron hoxe un convenio de colaboración para avanzar na elaboración do Plan director da industria das TIC. Tras a firma do acordo, a conselleira recordou que os plans directores son instrumentos da planificación da política industrial enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo “facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega”, dixo. Neste marco, subliñou que o convenio asinado por importe de 60.000 euros “permitirá levar a cabo diversas actuacións para colaborar na elaboración, aprobación e publicación do plan director das TIC”.
« Anterior | 9  de  65 | Siguiente »

Notas tecnologia

A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
O campus de Ourense acolle desde este mércores a xornada de lanzamento do proxecto AWESDI, Atlantic Wave Energy Sustainable Deployment Initiative, unha iniciativa transnacional coordinada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo que busca impulsar o despregamento sostible de sistemas de enerxía undimotriz na área atlántica, concretamente nas costas de España, Portugal, Francia e Irlanda.
O dixestato é o subproduto que xorde da descomposición anaeróbica da materia orgánica, é dicir, do proceso biolóxico natural onde microorganismos degradan a materia orgánica en ausencia de osíxeno. O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais traballa, a través do proxecto ReWoW (Revolutionizing the Waste of Waste), na transformación do dixestato nunha valiosa materia prima para unha nova bioeconomía.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC lidera un proxecto internacional centrado na COVID persistente, unha condición que afecta a millóns de persoas en todo o mundo e que aínda carece de ferramentas diagnósticas obxectivas e estandarizadas. O obxectivo é desenvolver marcadores proteicos que permitan distinguir aos pacientes con COVID persistente das persoas recuperadas, desenvolver un índice de gravidade biolóxica e sentar as bases para a súa implementación.
Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida. O evento, organizado pola UVigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, desenvólvese ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.
A pregunta de se é posible empregar a IA xerativa para verificar información, garantindo o rigor e a perspectiva de xénero constituíu o punto de partida do estudo que integrantes do grupo de investigación Sepcom desenvolveron ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo. Este proxecto permite constatar que 'hai un potencial na IA para utilizala como ferramenta na loita contra a desinformación, mais tamén se atopan nesgos de xénero, sutís pero persistentes'.
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC acaba de obter un novo proxecto europeo que impulsará o desenvolvemento de sistemas fotónicos capaces de alimentarse a si mesmos e reducir drasticamente o consumo enerxético en aplicacións de IA e procesamento masivo de datos. A iniciativa internacional 'bLOSSom' combinará investigación na fronteira do coñecemento e innovación tecnolóxica cun liderado científico con forte presenza feminina.
A UVigo celebrará os días 21 e 22 de xullo a I Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes, Dcetip 2026, un espazo de encontro para compartir avances, contrastar ideas e fortalecer vínculos entre quen investiga en ámbitos relacionados coa enerxía, a tecnoloxía e os procesos industriais, promovida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo.
Discutir e difundir novas ideas matemáticas e técnicas computacionais no campo da análise numérica nun ambiente relaxado é o cometido da cita ‘Compostela Numérica’, o encontro de análise numérica Francisco Javier Sayas que se desenvolverá entre o 15 e o 18 de xuño na Facultade de matemáticas. A inscrición remata o 10 de maio.
Un equipo internacional liderado polo investigador Oportunius Jose Tubío desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC descubriu un mecanismo polo cal certas pezas móbiles do ADN humano poden provocar grandes reorganizacións dos cromosomas en células tumorais.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES