
Co obxectivo de avanzar na implantación deste tipo de infraestruturas, a Universidade da Coruña colabora no proxecto europeo Atlantic Offshore Tech (AOFFTECH), unha iniciativa internacional centrada en impulsar o desenvolvemento da eólica flotante neste espazo marítimo. A institución participa nela a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), ambos cunha ampla traxectoria no ámbito das enerxías mariñas.
Coordinado polo Galician Offshore Energy Group (GOE-Asime), o proxecto conta cun orzamento total de 2,4 millóns de euros, dos cales 1,8 millóns un 75 % do total están cofinanciados polo programa Interreg Espazo Atlántico a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER). A UDC será responsable de xestionar unha partida de 243 750 dentro deste financiamento.
Tecnoloxía, sustentabilidade e coñecemento desde a UDC
A institución coordina unha das tarefas principais do primeiro paquete de traballo (WP1), orientada a promover a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e de investigación do sector eólico flotante na eurorrexión atlántica. Esta acción impulsa o intercambio de coñecemento e o desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas, como as plataformas multiuso e o hidróxeno verde. Ademais, busca favorecer o desenvolvemento sostible e a convivencia con actividades tradicionais de sectores como a acuicultura, o turismo e a monitorización de ecosistemas, co obxectivo de garantir impactos positivos e mitigar posibles efectos nas comunidades locais.
Dentro deste labor, o CITENI, a través do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), lidera a análise das barreiras técnicas que dificultan o despregamento de parques eólicos experimentais flotantes. Para iso, define unha folla de ruta tecnolóxica e desenvolve ferramentas para avaliar o comportamento destas infraestruturas a medio e longo prazo, ademais da súa repercusión a nivel socioeconómico e industrial. Pola súa banda, o CITEEC achega a súa experiencia en enxeñaría civil aplicada a infraestruturas marítimas e enerxéticas.
AOFFTECH permítenos achegar desde a universidade solucións reais para que a enerxía eólica mariña flotante deixe de ser un horizonte e se converta nunha infraestrutura experimental viable, explica Vicente Díaz, investigador principal do proxecto por parte da UDC. Desde o CITENI, estamos a analizar as barreiras técnicas actuais para que as plataformas experimentais poidan comezar a operar no menor tempo posible.
Cooperación internacional para a transición enerxética
AOFFTECH é un proxecto transnacional de tres anos de duración que agrupa a 11 entidades de España, Portugal, Francia, Irlanda e Noruega. Xunto á UDC e GOE-Asime, o consorcio está formado pola Plataforma Oceánica de Canarias (PLOCAN), o Marine and Renewable Energy Research Centre - University College Cork (MaREI), o Marine Institute (Irlanda), a École Centrale de Nantes, Pôle Mer Bretagne Atlantique, a Agência para a Energia (Portugal), a Câmara Municipal de Viana do Castelo (CMVC) e VianaPesca, ademais da agrupación industrial Norwegian Offshore Wind.
Consolidación e salto tecnolóxico
AOFFTECH consolida e amplía os logros do proxecto predecesor, AOWINDE: Atlantic Offshore Wind Energy, centrado en fortalecer a cadea de valor da eólica mariña na Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal. Mentres que AOWINDE estableceu unha base sólida de colaboración institucional e planificación estratéxica, AOFFTECH dá un paso máis na dimensión tecnolóxica, ambiental e territorial; e estende o seu alcance a cinco países do Arco Atlántico.
O obxectivo do proxecto é desenvolver unha estratexia común para acelerar a implantación da eólica mariña flotante, reforzando ao mesmo tempo a cohesión territorial, a sustentabilidade ambiental e a transferencia de coñecemento. En liña cos obxectivos do Pacto verde europeo e a estratexia de descarbonización do continente, AOFFTECH promove unha acción coordinada baseada no desenvolvemento tecnolóxico, o diálogo coas comunidades costeiras e a mellora da planificación reguladora, co fin de situar o Atlántico como un espazo chave na transición enerxética europea.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.