Noticias

Un total de 40 empresas de toda España presentan propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA sobre intelixencia artificial no ensino

Un total de 40 empresas de sete comunidades autónomas presentaron propostas innovadoras para despregar o proxecto EdugalIA, a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia para incorporar a intelixencia artificial na xestión educativa. Así o explicaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, esta mañá na xornada EdugalIA: o reto de transitar cara unha xestión do sistema educativo informada pola evidencia, na que se expuxeron os resultados da consulta preliminar ao mercado deste proxecto, un proceso aberto o pasado mes de setembro.

Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, recibíronse 40 solucións innovadoras diferentes, das que o 12,5 % se presentaron de forma conxunta entre unha ou varias entidades e o 87,5 % restante de forma individual. A meirande parte das propostas (o 41,2 %) proceden de empresas galegas, seguidas das chegadas desde Madrid (29,4 %), Andalucía (8,8 %), Cataluña (8,8 %), Asturias (5,9 %), A Rioxa (2,9 %) e Valencia (2,9 %).

Malia detectarse unha gran capacidade innovadora, non se identificaron solucións preexistentes no mercado que sexan quen de abordar os retos de EdugalIA. Isto pon de relevancia a idoneidade de despregar un proceso de Compra Pública de Innovación (CPI) para a creación de solucións disruptivas que dean resposta aos desafíos do proxecto. Esta iniciativa pioneira da Consellería opta ao financiamento deste liña do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, o que posibilitaría a súa posta en marcha.

Tres eixes de actuación

O proxecto EdugalIA céntrase en tres ámbitos prioritarios vencellados coa mellora da equidade e calidade do sistema educativo galego: a gobernanza, a creación do expediente dixital do alumnado e o desenvolvemento dun espazo común entre familias, centros e Xunta. No primeiro deles, impulsarase un novo modelo de Administración educativa dixital que sistematice a información procedente de múltiples fontes e formatos e permita analizar máis axilmente cuestións como o abandono temperá e crear itinerarios especializados.

O segundo ámbito ten como finalidade poñer a disposición do alumnado e das súas familias un expediente dixital para consulta que acompañe ao alumno ao longo do seu tránsito polo sistema educativo. Este documento incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos ou sobre atención a necesidades de apoio, entre outros.

Finalmente, a través de EdugalIA habilitarase un punto único de contacto e acceso para alumnado e familias á información do seu interese sobre o sistema educativo. O obxectivo é que este sistema permita a participación e a comunicación útil entre todas as partes para a asistencia e axuda á toma de decisións.

R., 2024-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES