Noticias

Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse online

Os avances na dixitalización reflíctense no uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía. Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse de xeito electrónico, segundo se recolle no balance 2023 do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 que busca achegar a Administración á cidadanía e impulsar servizos adaptados ás necesidades das persoas. Segundo o balance 2023 do plan, o Rexistro electrónico da Administración autonómica recibiu o pasado ano preto de 1,5 millóns de presentacións de solicitudes, escritos ou comunicacións, de parte de cerca de medio millón de persoas distintas.

Para a atención presencial a Xunta conta con 170 Oficinas de atención á cidadanía e rexistro, que dixitalizan a documentación presentada presencialmente, informan a cidadanía sobre procedementos e xestións e asisten na presentación electrónica ás persoas que o solicitan. En 2023, incorporáronse na Administración máis de 27 millóns de documentos electrónicos e creáronse máis de 641.000 expedientes de 530 procedementos distintos.

Durante o pasado ano xeráronse na carpeta cidadá máis de 800.500 expedientes correspondentes a 474 procedementos distintos e foron incluídos na carpeta 3 novos servizos que ofrecen unha atención personalizada no marco do deseño do novo modelo do nodo de datos cidadáns. Esta iniciativa que se vén de anunciar o pasado mes de xullo permitirá aos galegos e as galegas consultar a situación de todos os seus trámites a través de carpeta cidadá e actualizar os seus datos nun punto único.

A través da sede electrónica realizáronse máis de 63.000 pagos de taxas asociados á presentación de trámites.

O sistema de identificación mediante Chave365 está a ser utilizado por máis de 1,5 millóns de persoas. Ademais, incorporouse o sistema Clav@ da Administración Xeral do Estado e a identificación europea IDAS, que permite a cidadáns doutros estados europeos a identificación electrónica cos seus sistemas nacionais.

Hai tamén máis de 9.000 persoas que recorreron ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) para autorizar a alguén para facer no seu nome os trámites administrativos.

A Xunta puxo a disposición das persoas interesadas máis de 1,7 millóns de notificacións, das que cerca de 1,2 millóns foron exclusivamente electrónicas. As persoas que recibiron estas notificacións foron máis de 580.000.

O balance tamén destaca que, dende a súa saída en 2023, a aplicación XuntaEu, que concentra as relacións da Administración coa cidadanía a través de dispositivos móbiles, foi descargada por máis de 35.000 persoas desde principios de anos. Desde XuntaEu pódese consultar a situación de expedientes, apoderamentos, citas, xestionar Chave365 e ter acceso a 16 carnés ou certificados.

Ademais, a Xunta conta cun catálogo de 282 portais, 35 aplicacións para dispositivos móbiles e 432 canles en redes sociais.

R., 2024-08-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES