Notas de prensa

A UDC desenvolve ferramentas de axuda na toma de decisións nos portos da Coruña, Ferrol e Malpica

Nun contexto no que o transporte marítimo é a vía pola que circula case o 80% do comercio mundial, resulta esencial contar con portos seguros e ben xestionados. Con este obxectivo, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente, o Grupo de Redes Neuronais Artificiais e Sistemas Adaptativos o Grupo de Investigación Laboratorio de Enxeñaría do Software están a desenvolver un proxecto innovador nos portos da Coruña, Ferrol e de Malpica.

A súa proposta, financiada polos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, baséase na mellora da seguridade e a eficiencia das operación dos portos galegos mediante a xestión de ferramentas que permitan integrar os riscos operativos e a toma de decisións, combinando técnicas de monitorización avanzada e o uso de intelixencia artificial (Machine Learning).

En concreto, o equipo investigador da UDC traballa en novas metodoloxías para analizar de forma continua factores críticos, como o comportamento dos barcos durante as manobras, o estado dos sistemas de amarre e variables oceánicas e meteorolóxicas como correntes, ondada, vento, néboa ou chuvias. As técnicas avanzadas de intelixencia artificial permitirán procesar toda esta información para poder anticipar posibles problemas e optimizar a toma de decisións.

O traballo está a desenvolverse nos tres portos e no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña. A día de hoxe a súa implementación máis completa e ambiciosa está a realizarse no Porto Exterior da Coruña. Non obstante, os avances están sendo exportados a outras localizacións, como o Porto de Ferrol e o de Malpica, ademais de poder ser replicados noutros portos nacionais e internacionais, convertendo a Galicia nun referente na xestión portuaria.

A investigación, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico, conta cun equipo investigador formado por expertos da enxeñaría portuaria e informática, que colaboran coas autoridades dos portos mencionados e xunto a 28 institucións e empresas de todo o mundo. O estudo comezou en setembro de 2024 e espérase que finalice en agosto de 2027.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES