
A investigación, financiada a través dos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, terá unha duración de 3 anos e busca que os Sistemas de Alerta Temperá sexan máis fiables e eficientes. Estes sistemas resultan fundamentais para minimizar perdas humanas e económicas, ao anticipar a intensidade das precipitacións e o risco de inundacións.
En concreto, a proposta céntrase en tres aspectos clave da hidroloxía. Por unha banda, analiza como mellorar os modelos meteorolóxicos actuais para a predición de precipitacións mediante algoritmos de aprendizaxe automático. Ademais, procura optimizar os modelos hidrolóxicos utilizados para calcular caudais e, finalmente, incrementar a fiabilidade dos modelos hidráulicos bidimensionais empregados na predición de inundacións urbanas mediante técnicas de modelización subrogada con IA.
O proxecto desenvólvese no Centro Tecnolóxico en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña baixo a coordinación de Luis Cea Gómez e Jerónimo Puertas Agudo como investigadores principais. O equipo de traballo complétano investigadores da propia universidade, como Esteban Sañudo, Carlos Montalvo e Juan Farfán (que tamén forma parte do Instituto Federal Suízo de Ciencia e Tecnoloxía Acuáticas), ademais de Ignacio Fraga, en representación do Instituto Español de Oceanografía.
O grupo GEAMA e os Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023
Ademais deste proxecto, o grupo GEAMA está a desenvolver outra investigación financiada polo Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, no marco dos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, onde a IA volver gañar protagonismo.
Trátase da investigación Portos seguros e eficientes: xestión integral do risco operacional mediante monitorización, técnicas avanzadas e Machine Learning. Aplicación na Coruña, Ferrol e Malpica, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico.
O proxecto propón un estudo integral para mellorar a seguridade e eficiencia portuaria usando intelixencia artificial e novas técnicas de análise, centrado en portos galegos como A Coruña, Ferrol e Malpica, con metodoloxías innovadoras aplicables a nivel nacional e internacional.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.