Notas de prensa

Play-Doc 2026 presenta a súa competición internacional

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, África e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.

A programación combina cineastas con traxectorias consolidadas e novos realizadores, con propostas que traballan tanto a partir de materiais de arquivo como desde o ensaio, o retrato ou a observación directa.

Entre os cineastas con traxectoria consolidada, o estadounidense Ross McElwee presenta Remake, construída a partir de material filmado durante décadas xunto ao seu fillo. Desde Francia, Jean-Claude Rousseau participa con Requiem, mentres que o brasileiro Júlio Bressane, xunto a Rodrigo Lima, presenta O fantasma da ópera, unha peza centrada na propia materialidade do cinema.

A selección inclúe tamén 9/05/1982, de Jorge Caballero e Camilo Restrepo (México–España), que parte dunha película rodada en 1982 para reconstruír uns acontecementos a partir de imaxes deterioradas e un relato en off; Amílcar, de Miguel Eek (Cabo Verde–España–Francia–Portugal–Suecia), que combina material de arquivo e imaxes en 16 mm arredor da figura de Amílcar Cabral, agrónomo, poeta e líder da loita pola independencia de Guinea-Bissau e Cabo Verde; A Little Regret in Helsinki (Un pequeno arrepentimento en Helsinqui), de Haohao Qiaoshi Liu (Finlandia), centrada no diálogo entre unha filla e o seu pai; Fantaisie, de Isabel Pagliai (Francia), que segue dous personaxes a partir dun caderno nun contexto nocturno; e Tóc, Giấy và Nước… (Pelo, papel e auga…), de Nicolas Graux e Trương Minh Quý (Bélxica–Francia–Vietnam), que recolle fragmentos da vida cotiá dunha muller da etnia ruc.

A Competición Internacional contará cun xurado integrado pola produtora Raquel Freire Zangrandi (Brasil), o crítico e programador Jay Weissberg (Estados Unidos) e a asesora de industria Hayet Benkara (Francia/Canadá).

Este programa súmase ás retrospectivas xa anunciadas, dedicadas a Viola Stephan, Eduardo Coutinho e Rafael Luca de Tena, así como á Competición Galicia e ás actividades de formación e industria do festival, que inclúen unha nova edición de VENTURA e de Coming Soon; encontros profesionais arredor da coprodución internacional, a intelixencia artificial e o son no cinema, ademais dunha nova edición do obradoiro de cinema comunitario. A isto engádense tamén propostas como Cinema Percorridos e as proxeccións na igrexa.

Play-Doc Festival, 2026-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES