Notas de prensa

O CiTIUS e Microsoft danse a man na elite do desenvolvemento de modelos de Intelixencia Artificial multilingüe

Microsoft acaba de anunciar unha colaboración con tres centros de investigación de referencia en España, entre eles, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC. A finalidade destas sinerxías é desenvolver modelos fundacionais de IA en linguas oficiais do Estado. O anuncio constitúe un novo paso na estratexia da compañía para impulsar tecnoloxías da linguaxe baseadas en IA aberta, responsables e adaptadas á diversidade lingüística europea.

O desenvolvemento do modelo para este último correrá a cargo do CiTIUS. As outras dúas entidades seleccionadas son o Barcelona Supercomputing Center (BSC) e o centro HiTZ da Universidade do País Vasco.

Neste senso, Microsoft subliña a importancia de desenvolver modelos fundacionais multilingües que inclúan as linguas oficiais europeas, co obxectivo de “preservar o patrimonio cultural e desbloquear oportunidades económicas en toda Europa”. A compañía destaca que esta iniciativa permitirá “pechar a fenda lingüística dixital” e garantir que “todas as linguas europeas estean representadas na IA do futuro”. Os modelos desenvolvidos estarán aloxados na plataforma Azure AI Foundry, no marco do programa Microsoft Open Innovation Center (MOIC). O seu obxectivo será crear modelos fundacionais que faciliten a integración de todas as linguas oficiais do Estado en sistemas dixitais avanzados, garantindo a súa presenza nas tecnoloxías de IA máis influentes do presente e o futuro.

A elección do CiTIUS como centro responsable do modelo en galego reforza o papel da USC como referente no ámbito das tecnoloxías lingüísticas. Galicia súmase así ao mapa internacional de innovación en IA, cunha proposta desenvolvida dende a contorna académica e pública que pon o foco na diversidade e a inclusión dixital. Esta colaboración reforza o liderado do CiTIUS no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas avanzadas, situando a comunidade galega como un nodo clave na transformación dixital inclusiva en España.

Proxecto Nós

Lanzado en 2020, o Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, encomendada á Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG) co obxectivo de garantir a presenza do galego na contorna dixital do século XXI. O proxecto foi clave na creación de infraestruturas lingüísticas de base: dende corpus abertos e bancos de datos ata ferramentas de tradución automática, síntese e recoñecemento de voz. En 2023, o equipo presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de gran escala adestrado integramente en galego.

Os avances logrados no marco de 'Nós' non só teñen ampliado xa as capacidades dixitais do galego, senón que situaron Galicia no mapa da IA europea, achandando o camiño para esta nova etapa de colaboración internacional. Antes, o proxecto tivo continuidade a través das iniciativas ILENIA (Impulso das Linguas na Intelixencia Artificial), centrada na creación de recursos e ferramentas lingüísticas para as linguas cooficiais, e ALIA (Artificial Linguistic Intelligence for Administration), unha alianza público-privada para desenvolver modelos fundacionais de IA orientados á Administración pública multilingüe. Ambas as iniciativas foron financiadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, consolidando o papel do CiTIUS no desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas no marco dunha estratexia estatal.

Nun novo fito nesta liña de investigación, o CiTIUS incorpórase agora a unha iniciativa que define o futuro dos modelos fundacionais de IA, contribuíndo ao progreso tecnolóxico cunha proposta construída en galego, dende Galicia e con proxección global.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES