Noticias

Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso en Santiago no marco do consorcio europeo Ibero+

Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Aínda que está dirixido principalmente a estudantes de grao, máster e doutoramento nos campos da saúde e a enxeñería, tamén é accesible para estudantes e profesorado de ESO, bacharelato e FP, persoal investigador sénior, empresas biotecnolóxicas e público en xeral.

O curso permitirá coñecer os conceptos básicos da bioimpresión 3D, incluíndo as súas vantaxes, limitacións e aspectos éticos e regulatorios. Ademais, explicaranse as etapas do proceso de bioimpresión e as técnicas dispoñibles na actualidade. As aplicacións terán un papel moi relevante, con sesións expositivas e talleres nos que se explorará a súa utilidade na fabricación de próteses, biorréplicas, implantes, tecidos, órganos e medicamentos personalizados.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro 7 de xuño, dispondo de taxa reducida estudantes, pensionistas e persoas desempregadas.

Novo máster interuniversitario en Biofabricación

Durante o curso aproveitarase tamén para presentar o novo Máster Interuniversitario en Biofabricación, que, se ben aínda está pendente do informe da ACSUG, a previsión é que comece a impartirse en setembro nas tres universidades galegas, dirixido, sobre todo, a aquel alumnado que queira desenvolver competencias no ámbito da biofabricación, a enxeñería de tecidos e a medicina rexenerativa (deseño de estruturas 3D para o desenvolvemento de preórganos e tecidos funcionais, cribado de fármacos, medicina personalizada...).

O novo título contará cun cadro de profesorado formado por persoal docente e investigador das tres universidades públicas galegas ligado a diversos campos de coñecemento como a enxeñaría, a bioloxía, a farmacia ou a medicina.

R., 2024-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES