Notas de prensa

Unha tese do CITENI mellora as propiedades de envases alimentarios baseados en bioplásticos

O exceso de plásticos dun só uso é un dos grandes problemas ambientais do noso tempo. Cada ano prodúcense centos de millóns de toneladas de envases que acaban contaminando océanos, ríos e solos, e moitos deles non se reciclan. Como solución, os polihidroxialcanoatos (PHA) —biopolímeros totalmente biodegradables e de orixe natural— ofrecen unha alternativa sostible para substituír os plásticos convencionais e abrir o camiño a envases máis activos e funcionais.

Neste contexto, a investigadora Anja Schmidt do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), centrou a súa tese de doutoramento na creación de compósitos de PHA capaces de mellorar notablemente as propiedades mecánicas e a resistencia ao paso do osíxeno e á humidade dos envases. Estes compósitos combinan un polímero base —o PHA— con materiais chamados reforzos, que actúan como axudas estruturais para incrementar a resistencia, a estabilidade e outras funcións do elemento final.

Estratexias innovadoras para envases máis resistentes e funcionais

O estudo incorporou dous tipos de reforzos. O primeiro foron nanocristais de celulosa (CNC) procedentes de residuos da industria papeleira, que actúan como unha armazón microscópica dentro do polímero, ao aumentar a súa rixidez e reducir a súa permeabilidade ao osíxeno e á humidade.

O segundo tipo foron micropartículas doutros PHA, como o PHB (polihidroxibutirato), o PHBV (copolímero de hidroxibutirato e hidroxivalerato) e o PHBH (copolímero de hidroxibutirato e hidroxipropionato). Ao pertencer á mesma familia química, estas partículas intégranse con especial facilidade, o que mellora a súa resistencia sen alterar a biodegradabilidade.

Ademais, estas micropartículas permiten encapsular compostos bioactivos naturais —como a curcumina, procedente da cúrcuma, e a quercetina, un flavonoide presente en alimentos como a mazá ou a cebola— que se liberan de maneira controlada e axudan a prolongar a vida útil dos produtos. Esta funcionalidade foi explorada no proxecto europeo Waste2BioComp, que busca transformar residuos orgánicos en compósitos bioactivos destinados á industria alimentaria, téxtil e do calzado.

Bioplásticos con propiedades melloradas e escalables a nivel industrial

Os bioplásticos de PHA procesáronse mediante técnicas de extrusión e moldeamento por inxección en equipamento de laboratorio, que permiten fundir e moldear os polímeros de forma controlada co obxectivo avaliar o seu comportamento antes da súa produción a grande escala. Isto garante que as melloras observadas no laboratorio poidan transferirse con facilidade ao sector industrial.

Por outra banda, as propiedades dos materiais desenvolvidos avaliáronse mediante ensaios térmicos, mecánicos e de barreira. Os resultados mostran unha maior estabilidade térmica, un incremento da rixidez e da resistencia e unha diminución notable da permeabilidade ao osíxeno e á humidade, parámetros esenciais para os envases alimentarios. Estes avances demostran que os PHA mellorados poden competir cos plásticos convencionais en aplicacións industriais e ofrecer envases máis sostibles sen comprometer a súa eficacia.

Novas vías de investigación en envases activos

A investigación tamén abre a porta ao deseño de envases activos con liberación controlada de antioxidantes ou compostos antimicrobianos. Ademais, explorouse a chamada fase beta metaestable dos PHA: unha disposición especial das cadeas do polímero que se xera baixo condicións concretas de procesamento. Esta estrutura interna pode facer o material máis flexible e resistente, o que amplía o seu potencial para aplicacións avanzadas como envases intelixentes, dispositivos electrónicos lixeiros ou mesmo produtos médicos.

Defensa da investigación ante un tribunal internacional

A tese, que leva por título: «Development of new biodegradable and sustainable materials based on polyhydroxyalkanoates for application in the packaging industry», foi defendida o 27 de novembro de 2025 no Edificio de Batallóns do Campus Industrial de Ferrol. O traballo estivo dirixido por María Belén Montero, investigadora do Grupo de Polímeros da UDC, e por Birgit Bittmann-Hennes, investigadora do Leibniz-Institut für Verbundwerkstoffe GmbH (Alemaña).

O tribunal internacional compuxérono o director de investigación e desenvolvemento da empresa italiana PropaGroup S.p.A. (Italia) Salvatore Davide Crapanzano, que exerceu de presidente; a investigadora do Centro de Investigación de Polímeros Avanzados (CIPA, Chile) Natalia Andrea Pettinelli que actuou como vogal; e o profesor do Departamento de Física e Ciencias da Terra da UDC Joaquín Cayetano López, quen foi o secretario. Os membros destacaron a relevancia científica e industrial do estudo e propuxeron para a tese a máxima cualificación: sobresaliente cum laude (pendente).

CITENI, referente galego en ciencia de materiais

A tese de doutoramento de Anja Schmidt, xunto con outros proxectos do Laboratorio de Polímeros nesta liña de investigación, amosa o compromiso do CITENI co desenvolvemento de materiais funcionais e plásticos sostibles. Estas iniciativas consolidan o centro como referente galego no campo da ciencia de materiais e a innovación aplicada á economía circular.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-12-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES